CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este luns un novo concerto no Paraninfo da USC

07/06/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa "A Escola na Cidade", un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos/as do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. Como colofón dos seus estudos, os/as músicos/as noveis protagonizan varias actuacións no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo.

A seguinte destas actuacións será este luns, 10 de xuño, ás 20:30 horas. Abrirá o concerto a violoncellista Gema Pérez, que interpretará un fragmento da Sonata Arpeggione de Schubert e a Suite para violoncello solo do violoncellista e compositor catalán Gaspar Cassadó. Estas dúas obras están conectadas polo folclore, a primeira dos Alpes austríacos e a segunda do rico folclore español. A intérprete estará acompañada pola pianista Haruna Takebe.

A continuación, o fagotista Diego Fernández achegará ao público o Concerto para fagot de Hummel, acompañado tamén da pianista Haruna Takebe.

A actuación concluirá coa interpretación da viola Lucía Camiños. Os/as asistentes terán a oportunidade de escoitar a Märchenbilder para viola e piano de Schumann e a Sonata para viola e piano nº 4 de Paul Hindemith, xunto á pianista Eriko Ishimoto.

Esta iniciativa de "A Escola na Cidade" continuará os días 11 e 12 de xuño con novos concertos do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais, tamén no Paraninfo da Universidade de Santiago.

Compartir: