ACCIÓN CULTURAL

O sector da cultura supón o 5,2% do PIB da comarca e máis de 1.200 afiliacións á Seguridade Social

05/06/2019 O sector da cultura ocupa unha posición estratéxica na comarca de Santiago, con máis de 400 empresas, 1.200 persoas afiliadas á Seguridade Social e un peso do 5,2% no PIB. Así se recolle no Informe da Cultura en Santiago de Compostela, que hoxe presentou a concelleira de Acción Cultural en funcións, Branca Novoneyra, acompañada polo director do estudo, o consultor cultural Marcos Lorenzo. O documento, elaborado a partir dunha completa análise de datos, senta as bases para a emisión periódica de información cultural actualizada do municipio.

A concelleira de Acción Cultural en funcións explicou que o obxectivo do informe é "achegar unha ferramenta que permita un mellor coñecemento da situación da cultura local, para que a institución municipal poida tomar decisións en materia de políticas culturais dunha maneira máis informada e cunha maior transparencia e capacidade de avaliación". Branca Novoneyra salientou que "Santiago é a primeira cidade galega en contar cun instrumento deste tipo, que parte de técnicas estatísticas utilizadas tradicionalmente noutros sectores como o da educación ou a industria, pero aínda non no ámbito da cultura, malia á súa importancia socioeconómica". Nese aspecto incidiu Marcos Lorenzo, que apuntou que "tan só Barcelona xera información periódica sobre o sector cultural en todo o Estado, e iso supuxo unha dificultade a maiores para a realización do informe, porque non había unha folla de ruta que seguir, senón que tivemos que establecer a metodoloxía dende Santiago".

O informe presentado hoxe baséase nos datos extraídos das estatísticas oficiais, do propio Concello de Santiago e do cuestionario realizado a máis de 300 axentes socioculturais do municipio. Deles tírase, tal e como explicou o responsable do estudo, que a cultura "ten un peso económico determinante na comarca de Santiago, onde supón o 5,2% do PIB, fronte ao 3,1% de Pontevedra ou o 2,9% da Coruña". Deste xeito, na área de Compostela concéntrase o 16’3% do Valor Engadido Bruto do sector cultural en Galicia. Marcos Lorenzo explicou que a cultura achega 1.241 afiliacións á Seguridade Social no Concello de Santiago, un 3’2% do total de afiliacións do municipio, e un 9,5% do total de afiliacións relacionadas coa cultura en Galicia. En Compostela hai 422 empresas enmarcadas neste sector, o 11,7% das empresas culturais galegas.

En canto ao gasto en cultura, o informe desvela que o Concello de Santiago destinou a esta área 9 millóns de euros en 2016, cunha media de 94 euros por habitante e ano. Compostela é a cidade que máis inviste en cultura, xunto coa Coruña, e hoxe xa se superan os 10 millóns de euros, destinados fundamentalmente á Rede de Centros Cívicos, á administración xeral da cultura, á Banda Municipal de Música, ás festas e á protección do patrimonio histórico-artístico.

Indicadores de consumo
O informe tamén se refire ao consumo de cultura, para sinalar que o 35’1% dos visitantes que recibiu Santiago asistiron a algún centro cultural e un 14% a algunha actividade cultural. Esas porcentaxes supoñen un incremento de 10 e 5 puntos respectivamente. Ademais, destaca o elevado grao de satisfacción dos visitantes cos espazos culturais, aos que lle outorgan unha nota de 4,2 sobre 5.

No relativo á poboación da área xeográfica, os principais hábitos culturais son "escoitar música e ver películas, series e documentais", algo que fan o 88’1% das persoas; e a lectura, cun 58,4%. En canto ás actividades culturais ás que asistiron no último ano, un 67’8% cita as festas populares e verbenas; un 42’4% os espectáculos musicais; un 40’2% os museos, exposicións e arquivos; e un 33’1% as funcións de teatro, monicreques, contacontos ou circo.

Auditorio e Banda de Música
O Auditorio de Galicia, principal organismo xestor da programación cultural do Concello de Santiago, organizou en 2017 preto de 800 actividades, ás que asistiron case 132.000 espectadores e espectadoras. O gasto liquidado total do Auditorio foi de 2’8 millóns de euros, dos que o 47’8% se destinaron á organización de actividades culturais. Os programas e eventos cun maior investimento do Auditorio foron Cineuropa, a programación regular de teatro e Curtocircuíto. Por espazos, a taxa de ocupación media anual do edificio do Auditorio de Galicia foi do 67’2%, con 521 persoas por actividade, e no Teatro Principal foi dun 43’4%, con 166 persoas por actividade.

En canto á Banda, en 2017 realizou 79 concertos na cidade, cunha estimación de case 41.000 espectadores e espectadoras e unha media de 515 asistentes por concerto. Nese mesmo ano, a Real Filharmonía de Galicia realizou 39 concertos na cidade, con máis de 26.000 espectadores e unha media de 674 asistentes por concerto.

Valoración dos axentes socioculturais
Os axentes socioculturais de Santiago coinciden en atribuírlle á cultura unha notable importancia no devir da vida local, na proxección internacional da cidade e no turismo. Pola contra, segundo o informe, non hai unha consciencia clara do seu impacto na actividade económica e no emprego. Tamén reciben unha valoración positiva, cunha nota de 6, as infraestruturas e servizos culturais, e percíbese un bo momento creativo da escena local que contrasta coas malas condicións laborais de artistas e creativos.

Os axentes socioculturais enquisados tamén lle outorgan unha boa valoración á programación cultural do Concello de Santiago, que recibe un 6 en canto á súa calidade e innovación, a súa diversidade e a descentralización en barrios e parroquias. Valórase tamén positivamente a presenza de mulleres e artistas locais na programación, así como a presenza da lingua e da cultura galegas. Pola contra, o informe detecta carencias na rede de equipamentos socioculturais. Para as persoas e colectivos consultados, os acontecementos culturais máis destacados do último ano foron o festival Cineuropa e a programación das festas do Apóstolo, seguidos do festival O Son do Camiño, o remate da restauración do Pórtico da Gloria, o WOS Festival, a SELIC, Curtocircuíto e a Festa do Banquete de Conxo.

Compartir: