FESTAS

Batucada e corais para pechar a Ascensión

01/06/2019 As festas da Ascensión chegan este domingo ao seu fin e fano ao ritmo de diversas propostas musicais. Unha ruada de batucada e o tradicional concerto das corais son algunhas das citas desta última xornada.

A XI edición do festival de percusión afro-brasileira BateBatuke culmina este domingo cun gran pasarrúas a partir das 13:30 horas dende a praza das Praterías ata a praza do Toural. No desfile participarán os/as asistentes ao obradoiro do sábado, enchendo as rúas de Compostela de ritmo música e ledicia.

Tamén pola mañá, a Banda Municipal de Música dará un concerto ás 12:00 horas na rúa de Ramón Cabanillas. Media hora despois, pero na praza de Cervantes, Mark Wiersma e Miguel Mosqueira ofrecerán o seu espectáculo de música en familia Sira e o robot. Na mesma localización, ás 13:00 horas, Chicharrón pechará a xornada matinal de música presentando o seu traballo Cancións cíclicas.

O programa das festas da Ascensión pecharase cunha das súas citas tradicionais, Corais na rúa. A partir das 19:00 horas actuarán na praza das Praterías as formacións Amigos de Compostela, Coto da Nai, Hermano Gómez, La Salle, Santa Susana, Ponte Mantible, Xúbilo e Cantorum Compostellana Coniunctio.

Compartir: