LINGUA

Continúan as sesións do "Conto viaxeiro"

22/05/2019 Durante os meses de maio e xuño celébrase unha nova edición do Conto viaxeiro, unha iniciativa do Departamento de Lingua dirixida ao alumnado 4º curso de Educación Primaria. As sesións arrincaron o pasado 2 de maio no CEIP Lamas de Abade e rematará o 20 de xuño no Colexio San Pelayo-Enma.

O Conto viaxeiro xa pasou tamén polo CEIP de Vite, polo Colexio Vilas Alborada e polo CEIP Rodríguez Xixirei, e chegará tamén neste mes ao Colexio San Jorge. Xa en xuño, participarán: CEIP Monte dos Postes, Colexio Cluny e CEIP Ramón Cabanillas.

O Conto viaxeiro pretende promover a expresión e a expresividade en galego, ao tempo que achega aos escolares á literatura oral escrita e estimula a súa creatividade artística. Cada grupo-aula inscrito no programa participa en dúas sesións de 90 minutos, nas que elaboran un conto. Os nenos e nenas son orientados por monitores expertos que achegan os contidos e guían a construción do texto. O fío condutor do conto é o acoso lingüístico.

O primeiro grupo inicia a historia, que logo continúa en cada unha das seguintes sesións e con outros grupos ata completar a narración. Os nenos e nenas tamén se encargan de facer os debuxos para ilustrar a parte sobre a que traballaron, e elixen cal das ilustracións creadas na sesión anterior vai estar no conto definitivo.

Ao rematar, o conto elaborado será editado e publicado en papel e en formato dixital. Os centros participantes recibirán, ao comezo do vindeiro curso, os exemplares necesarios para que cada neno ou nena autor/a teña o seu e para que estea dispoñible na biblioteca.

Ademais, no blog contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal vaise dando conta de cada unha das sesións, e pódese acceder tamén aos contos viaxeiros de anos anteriores. Neste mesmo espazo tamén se van publicando as crónicas de cada obradoiro, o total das ilustracións que creen os/as participantes, imaxes das sesións e, finalmente, unha versión en vídeo do conto.

Direcciones relacionadas



Compartir: