CENTROS CÍVICOS

Os centros cívicos celebran o Día Internacional do Xogo

20/05/2019 A rede de Centros Cívicos vai celebrar o Día Internacional do Xogo, que se conmemora o 28 de maio, cun amplo programa de actividades que se desenvolverán entre os días 24 e 31. A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe da programación, coa que "queremos lembrar que xogar é un dereito recollido na Convención dos Dereitos da Infancia aprobada polas Nacións Unidas hai xa 30 anos, un dereito co que o Concello de Santiago está plenamente comprometido".

As actividades coas que a Concellaría de Centros Cívicos vai celebrar o Día Internacional do Xogo comezarán o venres, 24 de maio, cun encontro na estatua de Rosalía da Alameda, onde a partir das 17:00 horas se dará lectura ao manifesto a favor do xogo e para a difusión do artigo 31 da Convención dos Dereitos da Infancia. No manifesto, destacarase "a dobre vertente do xogo como un dereito esquecido e como unha obriga por parte dos adultos e dos poderes públicos para proporcionar os espazos, as condicións e os recursos para que ese dereito poida desenvolverse". Tras a lectura do texto, e ata as 20:00 horas, haberá unha sesión de xogos tradicionais e populares, con participación libre e aberta a todos os nenos e nenas que se acheguen ao parque, acompañados por unha persoa adulta. A actividade desenvolverase en colaboración coa Asociación Galega de Xogo Tradicional e Popular, a Asociación do Xogo Tradicional de Compostela, Don Bosco e Nova Escola Galega. Tamén o venres 24, a partir das 21:00 horas, está prevista unha noite de xogo zombi no Centro Cívico de Conxo, organizada en colaboración coa asociación Itinera.

Outra das actividades centrais da programación será a visita guiada aos taboleiros de xogo agochados nas pedras de Compostela, o martes 28 de maio, a partir das 18.00 horas. O roteiro, en colaboración co colectivo A Rula, arrincará do adro da igrexa do Carme. Os nenos e nenas que queiran participar deberán ir acompañados dun adulto, e será preciso realizar inscrición previa no teléfono 981 528 750. A visita ten as súas prazas limitadas a 40 persoas.

A programación vinculada co Día Internacional do Xogo na rede de Centros Cívicos complétase con actividades nos propios centros, como xogos populares, elaboración de murais ou obradoiros de reciclaxe e xogos e creación de xoguetes. Todas as propostas serán de balde.

A concelleira de Centros Cívicos explicou que o compromiso do Concello de Santiago co dereito ao xogo das nenas e dos nenos tradúcese, entre outras accións, na "existencia de espazos habilitados e adaptados para o xogo nos centros dalgúns barrios como Fontiñas, Santa Marta, Vite, Conxo ou Castiñeiriño". Concha Fernández lembrou que "o artigo 31 da Convención dos Dereitos da Infancia recoñece o dereito ao xogo das nenas e dos nenos, ás actividades recreativas propias da súa idade e á participación na vida cultural, e é por iso que o Concello traballa na organización de actividades lúdicas para a infancia".

Compartir: