CENTROS CÍVICOS

A rede de Centros Cívicos celebra o Mes das Letras

13/05/2019 A rede de Centros Cívicos acollerá ao longo de todo o mes numerosas actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este 17 de maio se lle dedica a Antonio Fraguas. Serán propostas transversais, que implicarán a diferentes espazos da rede, que procurarán o interese de públicos diversos e que apostarán polo uso educativo das contornas da cidade.

A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe o programa "Maio, mes das letras", que xunta máis de 30 actividades, todas de balde, e nas que toma protagonismo a figura de Antonio Fraguas. A concelleira explicou que o programa "fai unha aposta por chegar a públicos moi diferentes, con actividades específicas para nenos e nenas, mocidade e terceira idade, pero tamén con iniciativas que procuran o encontro interxeracional". Tamén salientou que "o programa chegará aos distintos espazos dos centros cívicos, dende a Biblioteca José Saramago ao espazo expositivo do centro cívico de Conxo, pasando polas aulas de novas tecnoloxías e os espazos de xogo"; e explicou que "tamén se utilizarán as zonas exteriores dos centros para realizar intervencións artísticas en torno ás letras". Ademais, haberá actividades que se desenvolvan noutros lugares de Compostela, como son os museos.

Animación á lectura, obradoiros e xogos
O programa Maio, mes das Letras inclúe numerosos obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar, a partir de mañá martes, 14 de maio. No Centro Cívico de Fontiñas haberá mañá un obradoiro para a realización de marcapáxinas; o mércores, os nenos e nenas farán un mural rupestre e realizarán a actividade "Xogando coas letras e Antón Fraguas; e o xoves está previsto o xogo "Letras Galegas. Amor polo noso". No centro de Fontiñas tamén se vai desenvolver ao longo desta semana unha actividade dirixida ás familias, en colaboración coa asociación Micos do Barrio, para a realización dunha creación artística ao redor da figura dos gatos na literatura galega e das oito colonias do barrio das Fontiñas.

Mentres, no Centro Cívico de Santa Marta haberá actividades mañá, co xogo "Brincando coas letras"; o xoves, co obradoiro "Pequenos descubridores"; e o venres, cun obradoiro para pequenos lectores ao redor da figura do autor homenaxeado neste 17 de maio. Aínda en Santa Marta, vaise desenvolver un concurso dende mañá e ata o 31 de maio, baixo o título "Recoméndame… en galego". En canto ao Centro Cívico da Trisca, mañá está prevista unha actividade para coñecer o papel da muller na música tradicional, e máis en concreto na gaita, e o mércores 15 vaise desenvolver un obradoiro para a realización de broches con material de refugallo. Xa o xoves 16, realizarase un xogo de pistas para atopar a Antón Fraguas. Por último, dende mañá ata o xoves, os nenos e nenas participarán na elaboración dun mural xigante no centro da Trisca.

Obradoiros de escrita creativa
No programa Maio, mes das letras tamén se inclúen obradoiros de escrita creativa ao longo desta semana. O mércores 15 de maio será no Centro Cívico de Vite, coa actividade "Grafiviteando con Antón Fraguas". No mesmo centro, o sábado 18 haberá un obradoiro de escrita creativa dirixido a público infantil. Ese mesmo día, en Fontiñas, haberá un obradoiro de escrita creativa para persoas adultas, dirixido por J. Manuel Bello Sánchez. O mesmo autor dirixirá outro obradoiro para adultos, o xoves, no Centro Cívico de Santa Marta.

Visitas guiadas e mapa das palabras
Dende a rede de Centros Cívicos tamén se vai celebrar o mes das Letras con visitas guiadas aos museos e exposicións da cidade, que precisarán de inscrición previa nos propios centros. Están previstas saídas á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, ao Museo do Pobo Galego e ao Museo das Peregrinacións. Por último estase a elaborar un mapa coas palabras galegas máis fermosas no Centro Cívico de Santa Marta.

Todas as actividades do programa son de balde, e é precisa preinscrición nos obradoiros de escrita creativa e nas visitas aos museos.

Compartir: