EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Ampliado o Programa de Conciliación de Verán aos días 9 e 10 de setembro

08/05/2019 O Departamento de Educación do Concello de Santiago ampliou o Programa de Conciliación Laboral e Familiar aos días 9 e 10 de setembro. Este programa comprende un conxunto de actividades, a desenvolver en instalacións do CEIP Monte dos Postes e do CEIP Vite 1, destinadas á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago.

O Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán está dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria de Santiago (ambos os dous inclusive). As actividades realizaranse os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño; todo o mes de xullo (agás sábados, domingos e festivos) e os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. No caso de xullo, os pais e nais poden optar por algunha das catro quendas do mes. Tamén é posible escoller días soltos.

O horario máximo será de 7:45 a 16:00 horas. Haberá un servizo de madrugadores (aula matinal) con almorzo de 7:45 a 9:00 horas, mentres que os obradoiros e actividades desenvolveranse de 9:00 a 14:00 horas. A continuación, existe a opción de facer uso do servizo de comedor de 14:00 a 16:00 horas.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

Ata o 30 de agosto
Despois da celebración na última semana de xuño e durante o mes de xullo, estaba previsto que o Programa de Conciliación funcionase tamén os días 2, 3, 4 5 e 6 de setembro. Agora esténdese esta quenda de setembro aos días 9 e 10, tanto no CEIP Vite I como no CEIP Monte dos Postes.

O prazo de inscrición e matrícula estará aberto entre o 19 e o 30 de agosto de 2019 (ambos os dous incluídos). Para participar no programa, as familias interesadas terán que cubrir o impreso de matrícula e entregalo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4). Durante o mes de agosto permanecerá pechado o Rexistro Auxiliar do Ensanche.

Haberá un desconto do 20% para quen acredite ser familia monoparental, numerosa e cando participen dous irmáns ou irmás no programa. Ademais, contémplase un desconto do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.

NOTA: Inicialmente estaba previsto desenvolver o programa no CEIP Raíña Fabiola, pero por razóns de seguridade -debido ás obras que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai realizar no centro), as actividades deste realizaranse no CEIP Vite 1. Polas razóns expostas, calquera referencia ao CEIP Raiña Fabiola na ficha de inscrición e na información sobre o programa, tense que entender referida ao CEIP Vite 1.

Compartir: