MEDIO AMBIENTE

O Concello abre unha consulta ao mercado e á veciñanza sobre os pregos do novo servizo de recollida do lixo e limpeza viaria

07/05/2019 O Concello vén de abrir un proceso de consulta ao mercado sobre os pregos do novo servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, co obxectivo de "garantir a transparencia e a concorrencia na licitación do novo contrato". O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta da posta en marcha do procedemento, "co que culminará o traballo que vén realizando o departamento para licitar o servizo atendendo ás novas directivas comunitarias sobre o tratamento dos residuos, á evolución que viviu a cidade nos 14 anos que pasaron desde a última adxudicación do servizo, e aos cambios de hábitos da veciñanza, máis predispostos agora á reciclaxe que entón".

O edil de Medio Ambiente explicou que "en 2018 aprobouse unha nova directiva europea sobre residuos, que establece directrices para as administracións locais e que, entre outras cuestións, obriga os concellos a recuperar o 55 por cento do lixo que producen en 2025". Xan Duro insistiu en que "lograr ese reto só é posible actuando sobre os residuos orgánicos, que supoñen o 40 por cento da bolsa de lixo das familias". Tendo en conta iso, apuntou o concelleiro, o Goberno do Estado fixou a data de 31 de decembro de 2020 para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de forma separada os seus residuos orgánicos. O responsable de Medio Ambiente sinalou que "as novas normativas condicionaron o proceso de elaboración dos novos pregos do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, unha das licitacións máis importantes ás que se enfronta o concello, non só por contía económica senón tamén polo impacto real do contrato na vida da xente".

Limpeza viaria
O concelleiro Xan Duro explicou que os pregos que se someten a consulta "permitirán mellorar o servizo de limpeza viaria, para adaptarse a unha cidade en crecemento". Así, "estenderase a limpeza diaria, salvo en festivos, a toda a zona urbana consolidadada, como Santa Marta, Campus Sur ou San Lázaro". Ata agora, segundo lembrou o edil "isto só se facía no Ensanche, de xeito que o novo contrato obrigará a incrementar o persoal de limpeza viaria". Ademais, a adxudicación contemplará a renovación da práctica totalidade da maquinaria de limpeza, "priorizando a utilización de vehículos eléctricos no conxunto do municipio, e obrigando ao seu uso na cidade histórica".
Por último, e en relación á limpeza viaria, o novo contrato deberá contemplar a ampliación do servizo durante o Xacobeo 2021 "para garantir a correcta prestación do servizo ante o previsible incremento da presión turística en Santiago".

Recollida do lixo
Xan Duro tamén se referiu ás novidades que introducen os pregos en canto á recollida de residuos, relacionadas fundamentalmente coas directivas europeas en materia de tratamento do lixo. A máis importante ten que ver co tratamento dos residuos orgánicos "de xeito que se instalarán un mínimo de 240 illas de compostaxe comunitaria, que permitirán tratar case 5.400 toneladas anuais de materia orgánica domiciliaria na zona urbana; e ata 1.600 composteiros domiciliarios na zona rural, que tratarían outras mil toneladas de materia orgánica". Nos lugares nos que non sexa posible ningún destes modelos de compostaxe garantirase a presenza de contedores para a fracción do orgánico, o chamado quinto colector. O programa de compostaxe suporá, segundo indicou o concelleiro, a creación de máis de vinte postos de traballo.

Outra das novidades do prego ten que ver coa cidade histórica "que terá un modelo propio de recollida baseado en tres eixos: a instalación de illas completas de cinco colectores no perímetro da zona vella; a utilización de colectores de quita e pon no interior da améndoa, e a recollida porta a porta de todas as fraccións de lixo nos establecementos hostaleiros e comerciais". Xan Duro explicou que "está prevista a utilización de cinco contedores de quita e pon, que estarán na rúa tan só no horario necesario para que a veciñanza deposite os seus residuos e a empresa concesionaria os retire cunha tractora eléctrica, de xeito que se limitará o impacto visual dos colectores". Este modelo, apuntou o concelleiro, xa funciona de maneira exitosa noutras cidades como Palma de Mallorca.

A maiores, a licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria suporá a renovación dos contedores de máis de cinco anos, "que son máis de 2.800, isto é, a práctica totalidade dos que temos en Compostela, e que pasarán a ter unha estética máis homoxénea". Do mesmo xeito, haberá novos vehículos para a recollida do lixo, e primarase a utilización de vehículos eléctricos, obrigados na zona histórica.

Por último, o concelleiro Xan Duro explicou que as fraccións do papel e cartón non formarán parte da licitación, "porque se fará unha reserva para centros especiais de emprego e empresas de inserción", ao igual que o vidro "que seguirá retirando Ecovidro sen custos para o Concello". Os pregos tamén fan unha importante aposta pola concienciación "con partidas orzamentarias específicas para actividades de concienciación, e co reforzo do programa Tropa Verde".

Consulta
Antes da aprobación dos pregos para a licitación do servizo da recollida do lixo e limpeza viaria, o Goberno acordou abrir unha consulta preliminar ao mercado. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que "este é un procedemento regulado na Lei de Contratos do Sector Público aprobada en 2017, que ten como obxectivo preparar correctamente a licitación e informar dos plans de contratación". Xan Duro apuntou que as consultas preliminares deberán contar en informes que formarán parte do expediente de contratación, e os pregos terán en conta as conclusións das consultas "ou deberán detallar os motivos polos que as achegas non foron incorporadas aos pregos". A figura das consultas preliminares ao mercado está sendo utilizada fundamentalmente en expedientes de contratación cunha compoñente de innovación, que fan que sexan máis complexos para as administracións. O edil salientou que "esta consulta tamén axudará a fortalecer a transparencia do proceso de licitación do novo servizo do lixo, un dos contratos máis importantes no Concello de Santiago".

Para facilitar a consulta ao mercado e recoller tamén as achegas da veciñanza en cuestións concretas do prego, o Concello vén de habilitar a páxina reaccionamos.santiagodecompostela.gal. Trátase dun portal no que se resumen as características principais dos novos pregos do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e desde o que se pode acceder á documentación relativa á consulta ao mercado. Tamén se incorporan unha serie de preguntas á veciñanza, co obxectivo de perfilar os pregos en cuestións como a localización das illas de compostaxe. As achegas tanto das empresas como da veciñanza poderanse realizar no prazo de vinte días hábiles.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia mostrouse convencido de que "a nova licitación do servizo estará concluída antes de que remate o contrato vixente, en abril de 2020", e apuntou que "o proceso de elaboración dos pregos viuse complicado primeiro pola entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público en 2017 e despois pola directiva europea de residuos, en 2018".

Direcciones relacionadas



Compartir: