ALCALDÍA

O Teatro Principal acollerá a IV Gala do Libro Galego o vindeiro 11 de maio

07/05/2019 O Teatro Principal volve ser o escenario elixido para a celebración da Gala do Libro Galego, que o próximo 11 de maio chegará á súa cuarta edición. A Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega leva este ano o peso da organización do evento, convocado xunto coa Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Unha vez máis, a gala conta coa colaboración do Concello de Santiago.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe a cuarta edición da Gala do Libro Galego nunha rolda de prensa na que participaron Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías de Galicia; Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Galega de Editoras; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta. O alcalde mostrou o seu orgullo "por manter a colaboración do Concello de Santiago con esta Gala, que está a demostrar a unión do sector do libro, e que se está a consolidar como espazo para poñer en valor a produción literaria máis recente e que contribúe a darlle visibilidade a un sector fundamental da nosa cultura". Martiño Noriega tamén se felicitou pola aposta "que fan as asociacións de escritores e escritoras, de editoras e de librarías para que a Gala se celebre en Compostela, capital literaria do país, onde a literatura se respira en múltiples iniciativas como a Feira do Libro que se está a celebrar nestes días na Alameda, a SELIC, o Xardín das Pedras que Falan ou os diferentes roteiros literarios dos que podemos gozar na nosa cidade".

IV Gala do Libro Galego
A IV edición da Gala do Libro Galego celebrarase o 11 de maio no Teatro Principal, a partir das 19:30 horas. No seu transcurso, será recoñecida a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. Os galardóns, sen dotación económica, unifican os que ata 2016 viñan entregando de maneira independente a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías de Galicia.

En canto á produción editorial de 2018, entregaranse premios nas categorías de Ensaio e investigación, Divulgación, Narrativa, Infantil, Xuvenil, Libro ilustrado, Banda deseñada, Iniciativa bibliográfica, Tradución, Poesía, Teatro e Libro mellor editado. Ademais, na Gala recoñeceranse as traxectorias nas categorías de Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural. A lista das persoas e entidades finalistas pode lerse na páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A Gala do Libro Galego 2019 contará coa actuación do grupo Habelas Hainas e a presentación de Iria Pinheiro.

Direccións relacionadas



Compartir: