CENTROS CÍVICOS

Os centros cívicos celebran o Día Internacional do Libro

22/04/2019 As aulas de lectura dos centros cívicos da cidade súmanse á conmemoración do Día Internacional do Libro (23 de abril) con varias actividades de animación á lectura. Así, as instalacións de Vite, A Trisca, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo e As Fontiñas contarán con obradoiros, xogos e ata un concurso de haikus.

O Centro Cívico da Trisca celebrará o Día do Libro cunha actividade titulada "Coñecemos libros infantís sobre feminismo". Será mañá martes 23 de abril, de 18:30 a 20:30 horas, na aula de xogo do centro, para nenos e nenas de 4 a 12 anos. Durante a xornada tamén se colocará un libro-mural con citas célebres sobre o mundo do libro e da lectura, e proxectarase a curta Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore.

Durante esta mesma xornada, o Centro Cívico de Conxo acollerá a actividade "O teu fragmento favorito" (18:00 h), un xogo literario (19:00 h) e o concurso "Pon un libro na cara" (20:00 h).

Tamén este 23 de abril, o Centro Cívico das Fontiñas presenta "O laboratorio de Vítor Frankenstein", un xogo de escapismo que se repetirá os días 14, 25 e 26 ás 18:30 horas. Destinado a nenos e nenas a partir dos 7 anos, a actividade precisa de inscrición previa no teléfono 981 528 750.

O programa de actividades complétase no Centro Cívico do Castiñeiriño cun obradoiro de encadernación de 18:00 a 20:00 horas (rapazada de 6 anos en diante), e coas actividades do Centro Cívico de Vite a partir das 19:00 horas. Igualmente, está prevista unha solta de libros polos diferentes barrios a cargo do persoal das bibliotecas de cada centro.

Concurso
Ademais, no Centro Cívico de Santa Marta convocaron un Concurso de Haikus, con dúas categorías: de 6 a 12 anos e de 12 anos en diante. Os haikus poden enviarse ao correo carmeiglesiasferrovial@gmail.com ou entregarse no propio centro. O día límite de presentación é o sábado 4 de maio. Logo, as obra exporanse para a votación popular, cuxo resultado se coñecerá o 18 de maio.

Compartir: