POLÍTICAS SOCIAIS

Aberto ata o 6 de maio o prazo para solicitar as axudas do "bonotaxi"

11/04/2019 O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as bases da convocatoria pola que se outorgan axudas individuais para uso do taxi para persoas con dificultades de mobilidade. Da apertura do prazo para solicitalas, novidades e características da mesma deu conta esta mañá a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, acompañada da traballadora social Ana Ares.

A edila sinalou que "se trata do terceiro ano que poñemos en marcha este tipo de axudas, que forman parte do amplo catálogo de prestacións sociais coas que conta o Concello de Santiago e que están encamiñadas a reducir as desigualdades sociais". Entre as liñas estratéxicas e os obxectivos que se propoñen figura o de "facilitar desprazamentos en taxi para as persoas maiores con problemas de desprazamentos e impulsar bonificacións ou prestacións económicas que contribúan a sufragar este servizo, co fin de facilitar a comunicación e a igualdade de oportunidades".

Poderán optar ás axudas as persoas con discapacidade que, por ter gravemente afectada a súa mobilidade, por residir en zonas rurais, ou por ter unha discapacidade visual igual ou superior ao 75%, non poden utilizar o transporte público colectivo. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas maiores que residan na contorna rural, aínda que non presenten ningunha discapacidade, e como principal novidade, as persoas que, residindo tamén no contorno rural, estean afectadas por calquera doenza, acreditando mediante informe médico que non están autorizadas a conducir.

As contías, incrementadas o ano pasado, ascenden a 150, 250 e 350 euros en función dos ingresos.

Presentación
As solicitudes estarán dispoñibles no Departamento de Políticas Sociais, nos puntos de atención de Servizos Sociais Municipais, na Oficina de Atención ao Cidadán e na web municipal. Deberán presentarse segundo os modelos normalizados que aparecen na convocatoria e entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 2-4) en horario de 9:00 a 13:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: