ALCALDÍA E TURISMO

Turismo de Santiago recupera o certificado de calidade do SICTED para o sector turístico

10/04/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Turismo, Marta Lois, entregaron a súa distinción aos 60 establecementos e servizos turísticos da cidade que superaron as avaliacións de calidade do SICTED nos últimos meses do 2018. O acto de entrega tivo lugar no Centro Abanca – Obra Social.

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) é un proxecto que naceu da man da Secretaría General de Turismo e da FEMP en 2001. Na actualidade, hai 190 destinos de toda España que traballan no mesmo, cun total de 5.583 empresas distinguidas. En Galicia, ademais de Santiago de Compostela, están: Baiona, Ferrol, Guitiriz, Rías Baixas, Sanxenxo, Terras de Compostela, Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós.

Santiago de Compostela foi un dos nove destinos piloto que comezaron a traballar no proxecto, cun dobre obxectivo: aumentar a satisfacción dos visitantes e a calidade de vida das persoas residentes. Como resultado daquel traballo, en decembro do ano 2004 distinguíronse na nosa cidade os primeiros 37 estabelecementos/servizos.

Turismo de Santiago continuou traballando como ente xestor do proxecto ata 2011, contando durante todo este tempo coa colaboración de distintas asociacións da cidade. Así, en decembro de 2011, Santiago conseguiu distinguir a 159 estabelecementos/servizos, de 15 subsectores diferentes. Non obstante, o Concello tomou naquel momento a decisión de cancelar a participación no proxecto.

A finais de 2017, e a petición do sector turístico, Santiago de Compostela, como destino, adheriuse de novo ao proxecto, sendo de novo Turismo de Santiago o seu ente xestor, contando coa colaboración da Xunta de Galicia, co obxectivo de consolidar a cidade como destino turístico internacional cara o Ano Santo 2021.

Ao longo de 2018 séguese a implantar o SICTED na nosa cidade, contando este ano Turismo de Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña. O 7 de novembro de 2018 celebrouse a Mesa de Calidade de Santiago de Compostela, onde están presentes os representantes dos distintos subsectores que están a traballar no proxecto. Grazas a este traballo, a Secretaría de Estado de Turismo outorgou a distinción do SICTED a 60 estabelecementos/servizos que superaron as avaliacións realizadas nese ano.

De cara a 2019, preténdese aumentar o número de empresas adheridas ao proxecto, sen esquecer que esas 60 empresas distinguidas deberán darlle continuidade ao sistema implantado, sempre na procura da mellora da calidade do seu establecemento e, por extensión, da cidade.

Compartir: