TURISMO

Compostela acollerá durante este ano case medio cento de congresos

10/04/2019 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá no Auditorio de Galicia unha nova sesión ordinaria do Consello Municipal de Turismo, órgano participativo que reúne a representantes da Administración, do sector turístico e diversas entidades da cidade para o diálogo, a participación e o asesoramento da toma de decisións da política turística municipal.

A xuntanza desenvolveuse conforme a unha orde do día na que destacaban tres puntos: unha análise dos principais datos turísticos do 2018, as previsións de tráfico do aeroporto de Santiago para a temporada de verán e as expectativas para o Turismo de Congresos, Xornadas e Incentivos para este ano 2019.

Respecto aos principais datos do 2018, amosáronse os crecementos que viviu a cidade nas súas principais variables turísticas. Así, aamosouse o crecemento no número de persoas que fixeron o Camiño de Santiago e recibiron a súa Compostela, que chegaron ata ás 327.378, cun aumento do 8,7%. Tamén se amosou o crecemento do aeroporto, que conseguiu o seu terceiro máximo anual consecutivo, con 2.724.750 pasaxeiros e pasaxeiras, cun crecemento acumulado de máis do 30% nos últimos catro anos.

En canto ás previsión do aeroporto, dende Turismo de Santiago apuntouse que, na temporada de verán, as diferentes compañías que operan no aeroporto da cidade ofertarán máis de 2.200.000 prazas, un 11% máis que na temporada de verán do ano pasado. O aeroporto contará con catorce rutas internacionais directas, tres delas con voos diarios: Londres, Dublín e Xenebra.

O forte incremento de prazas no aeroporto de Santiago para este verán apóiase en varias circunstancias. Así, Vueling porá un segundo avión na súa base no aeroporto de Santiago, inaugurada no 2015. Este segundo avión permitirá mellorar a súa oferta a Barcelona, con tres frecuencias diarias, que servirán tanto para incluír a posibilidade de ir e volver no mesmo día como para mellorar a conectividade internacional a través da súa rede de destinos dende Barcelona.

Ryanair incrementará tamén substancialmente a súa oferta na cidade, cunha ampliación de frecuencias na maior parte das rutas que opera no aeroporto, de tal xeito que ofrecera unha maior flexibilidade de horarios. Neste sentido, cabe destacar os incrementos a Londres Stansted, que terá nove frecuencias á semana, e Alacante, que terá un voo diario coa compañía. Ademais, Ryanair xa confirmou que na próxima temporada estreará unha nova ruta a Malta, reforzando a súa oferta internacional directa na cidade.

Lufthansa ampliará a cinco ás frecuencias semanais a Frankfurt Main, principal hub internacional da compañía, mellorando así a conectividade internacional do aeroporto, especialmente cos mercados asiáticos. Ademais, Aer Lingus terá por primeira vez un voo diario con Dublín, pasando de catro a sete frecuencias á semana, nunha clara mostra da súa consolidación na cidade.

En relación ás previsións para o Turismo de Congresos, dende o Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade no sector MICE, apuntouse que a cidade vivirá un gran ano grazas a celebración de máis de 48 congresos con pernoctacións incluídas. En concreto, haberá seis grandes congresos con máis de 1.000 participantes (tres deles terán máis de 2.000), que xerarán máis de 30.000 pernoctacións na cidade.

Como exemplo, cabe destacar os seguintes congresos que se celebrarán neste 2019: Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, Congreso da Sociedade Española de Neumoloxía e Ciruxía Torácica. Entre os congresos internacionais destacan o Congreso da SIEF, a Conferencia da "Regional Regional Studies Association" e o IPA International Meeting.

Segundo a International Congress and Convention Association (ICCA), Compostela lidera o turismo de congresos entre as Cidades Patrimonio, xa que un 35% dos congresos estatais celébranse en Santiago, reunindo o 45% das persoas que neles participan.

Compartir: