CENTROS CÍVICOS

O Centro Cívico do Castiñeiriño acolle un campamento urbano de Semana Santa coa música africana como fío condutor

26/03/2019 O Centro Cívico Agustín Bueno do Castiñeiriño acollerá os días 15, 16 e 17 de abril un campamento urbano dirixido a nenos e nenas nacidos entre 2006 e 2007, e que terá a música como eixo condutor. A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe o programa, que ten aberto o prazo de inscrición ata o 10 de abril.

A concelleira de Centros Cívicos sinalou que a actividade "está pensada para favorecer a conciliación familiar e laboral durante as vacacións de Semana Santa, cunha proposta lúdica pero tamén, e sobre todo, educativa". Concha Fernández apuntou que o programa desenvólvese en colaboración con Galinké Galicia, "unha asociación de persoas apaixonadas pola danza e a percusión da costa oeste africana que vén traballando no antigo colexio Ramón Cabanillas do Castiñeiriño". Modesto López, animador sociocultural da rede de Centros Cívicos, explicou que "o vello centro estase convertendo nunha verdadeira factoría cultural, e queremos aproveitar as sinerxias coas asociacións e entidades que teñen alí a súa residencia"

O campamento urbano de Semana Santa permitirá que os nenos e nenas "desenvolvan a súa creatividade musical e exploren a producións de diferentes sons e ritmos". A concelleira tamén puxo o acento en que as actividades previstas "están pensadas tamén para que os cativos e cativas coñezan e aprendan a respectar e admirar outras culturas diferentes da súa". Ademais, os nenos e nenas saberá como utilizar materiais de refugallo para fabricaren os seus propios instrumentos musicais.

O campamento urbano desenvolverase os días 15, 16 e 17 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ofertaranse 20 prazas, e a inscrición debe realizarse antes do 11 de abril no propio Centro Cívico do Castiñeiriño ou a través do mail ascgalinke@gmail.com. O prezo é de 35 euros, e o segundo irmán ou irmá pagará 20.

Imos de excursión
A concelleira de Centros Cívicos tamén deu conta hoxe do programa Imos de Excursión, no que hai sete saídas previstas para os próximos meses, deseñadas para coñecer o patrimonio natural de Galicia e a súa contorna e as súas festas máis tradicionais.
A primeira viaxe será o 21 de abril, cunha excursión ao macizo central ourensán para a que é preciso inscribirse a partir do 4 de abril.

En maio, os días 4 e 5, está prevista unha viaxe a Asturias para a que o prazo de inscrición comeza o 11 de abril. Xa en xuño están previstas dúas saídas: unha ao Piornedo e o Cebreiro, o día 9; e outra o día 30 ás chamadas "Rías tranquilas", con visitas ao Barqueiro, Ortigueira e cantís vixía da Herbeira. Xa en xullo, o día 21, haberá unha excursión ao Combarro e O Salnés.

Para o 22 de setembro está organizada unha visita a Chaves e Verín; e o 6 de outubro a rede de Centros Cívicos organiza unha viaxe a Ribadeo, con parada na Festa da Faba de Lourenzá.
As inscricións poderanse facer, como é habitual, nos centros cívicos José Saramago de Vite, Aurelio Aguirre de Conxo, O Ensanche, Fontiñas, Agustín Bueno do Castiñeiriño e Santa Marta. Para cada unha das excursións haberá 50 prazas dispoñibles, e o prezo adoita roldar os 30 euros por persoa.

Compartir: