MEDIO AMBIENTE

Escolares de Compostela conmemoran o Día dos Bosques plantando 190 árbores na Pontepedriña

22/03/2019 O Concello segue a conmemorar o Día Internacional dos Bosques cunha plantación de 190 árbores frondosas autóctonas por parte de escolares de Compostela. A plantación levouse a cabo nunha parcela de titularidade municipal en Pontepedriña, situada ao carón do CEIP Ramón Cabanillas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, acudiu tamén á plantación e lembrou que "con carácter previo, se realizou unha restauración paisaxística da devandita parcela, de grande valor ecolóxico, ao localizarse a escasos metros do espazo natural das Brañas de Sar". As especies seleccionadas para plantar foron érbedos, bidueiros, sangomiños, abeleiras, espiños, freixos, acivros, loureiros, cerdeiras, pereiras, rebolos, carballos e capudres.

Día Internacional dos Bosques
No 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques. Mediante esta celebración réndese homenaxe á importancia de todos os tipos de bosques, intentando xerar conciencia ao respecto. Cada vez que se se celebra o Día Internacional dos Bosques, aléntase aos países a adoptar iniciativas no plano local, nacional e internacional para a organización de actividades relacionadas cos bosques e as árbores, como por exemplo, campañas de plantación de árbores.

A temática do 2019 é "Os bosques e a educación", na que se pretende por de manifesto mensaxes como coñecer o nosos bosques e mantelos sans como algo fundamental para o noso futuro, investir en educación forestal para lograr un mundo mellor ou a igualdade de oportunidades para homes e mulleres no acceso á información forestal.

Compartir: