PREMIOS

Isidro Novo, Javier Cercas e Abraham B. Yehoshúa recibiron os premios San Clemente

01/02/2007 O Instituto Rosalía de Castro acolleu a entrega dos premios literarios "Arcebispo Juan de San Clemente". Nesta duodécima edición os premiados foron Isidro Novo, pola súa obra "Un escuro rumor", na categoría de novela galega; Javier Cercas, por "La velocidad de la luz", en novela castelá; e Abraham Yehoshúa, por "La novia liberada", en novela estranxeira. Antes do acto, os premiados foron recibidos polo alcalde en Raxoi.

Un ano máis, os estudantes foron os encargados de elixir as obras premiadas nas tres categorías dun certame literario convertido xa nunha referencia de primeiro nivel. Nesta ocasión o xurado estivo formado, ademais de polos propios alumnos do Rosalía de Castro, por outros dos institutos A Guía (Vigo), Fontem Albei (Fonsagrada), Carlos Casares (Viana do Bolo) e Eduardo Pondal (Santiago).

Isidro Novo recibiu o galardón pola súa novela "Un escuro rumor", unha obra que narra en clave futurista e de ciencia-ficción unha catástrofe ecolóxica a finais deste século. O autor lugués aproveita esta trama para facer un percorrido por algúns dos principais problemas da sociedade actual.

Pola súa parte, Javier Cercas ve recoñecida unha vez máis a súa novela "La velocidad de la luz", unha obra que conxugou o beneplácito da crítica coa venta masiva de exemplares. A historia de amizada entre un aspirante a novelista e Rodney Falk nunha universidade americana tense convertido xa nun clásico moderno entre os lectores.

Finalmente, o israelí Abraham B. Yehoshúa recibiu o recoñecemento do alumnado pola obra "La novia liberada". A súa combinación dun drama privado co conflito entre israelís e palestinos no Israel de antes da Intifada valeulle o aplauso da crítica internacional.

Elección polos alumnos

A designación destes peculiares premios comeza coa escolla previa de obras a cargo dun proceso arrinca cunha preselección de obras a cargo dun comité asesor formado por mestres e diversas personalidades. Este comité selecciona tres obras candidatas en cada unha das categorías, entre as novelas publicadas durante o ano anterior.

Logo son os profesores de lingua e literatura dos cinco centros os que seleccionan os alumnos que formarán parte do xurado. Así quedan dez alumnos en cada unha das tres modalidades. Eles elixen os gañadores. Isidro Novo, Javier Cercas e Abraham Yehoshúa únense así á prestixiosa lista de premiados noutras edicións, entre os que se atopan Paúl Auster, José Saramago, Mario Vargas Llosa Antonio Tabucchi ou Álvaro Pombo.

Compartir: