DEPORTE

O Concello recupera os premios "Santiago Deporte", que se entregarán nunha gala o vindeiro 7 de marzo

26/02/2019 O Concello de Santiago vén de recuperar os premios Santiago Deporte, que buscan realizar un recoñecemento público a persoas e entidades polo labor desenvolvido no 2018 ou na tempada 2017/2018. Os detalles destes galardóns foron anunciados esta mañá pola concelleira de Deporte, Noa Morales, e pola xornalista deportiva Silvia Castiñeiras.

A edila sinalou que "estes premios teñen como obxectivo premiar e recoñecer o traballo e esforzo que as entidades do municipio, así como as e os deportistas de Compostela levan desenvolvido durante o último ano". Estes premios entregaranse nunha gala que terá lugar o vindeiro xoves 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, e que será conducida polos xornalistas Silvia Castiñeiras e Fran Cañotas. Os premios consistirán nun diploma acreditativo e unha medalla conmemorativa.

Oito categorías
Nesta edición establécense oito categorías, tal e como explicou Silvia Castiñeiras. Da selección dos e das premiadas encargouse un comité avaliador que estivo formado polo alcalde de Santiago, a concelleira de Deporte, un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal, un representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, un representante da Deputación da Coruña e un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.

Como mellor deportista feminina elixiuse á xogadora de baloncesto Blanca Millán e como mellor deportista masculino ao judoka Martín Salvado, por despuntar nos seus respectivos deportes. O Victoria FC foi elixida a entidade deportiva máis destacada, valorando así a súa promoción do deporte en Compostela e o seu bo facer na Segunda División de fútbol feminino.

O premio ao adestrador máis destacado é para Yago Iglesias, adestrador da SD Compostela a quen o comité avaliador premia pola boa tempada 2017/2018 do equipo que dirixe, que chegou a xogar os play-off de ascenso a Segunda División B.

Arteal S.L. é a entidade premiada na categoría "Patrocinio deportivo", pola súa vinculación, promoción e apoio ao tenis de mesa en Compostela e ao club Arteal- Tenis de Mesa, que é unha referencia no conxunto do Estado.

Pola súa banda, Special Olympics Galicia recibe o premio na categoría "Actividade ou acción social", por ser unha entidade que durante o ano 2018 desenvolveu actividades e programas de carácter benéfico que favorecen a cohesión social e fomentan os hábitos deportivos saudables. O premio á entidade educativa do 2018 recae no Colexio Compañía de María, que se distinguiu no 2018 por impulsar os valores do deporte no ámbito educativo, tanto internamente como no resto do municipio.

O Premio Honorífico á traxectoria deportiva é para Antonio Bermúdez Vidán, xornalista moi recoñecido na cidade e que dedicou toda a súa vida profesional á cobertura informativa dos equipos de Compostela como locutor de Radio Galicia-Cadea SER. Con este galardón quere recoñecérselle a súa implicación e o seu traballo a prol do deporte no municipio.

Finalmente, entregraranse unhas mecións especiais a Jesús Conde, que foi presidente do SD Villestro; Antonio Pais, futbolista e deportista moi vinculado ao municipio, e Alfonso Rivera, quen fora adestrador do Obradoiro.

Compartir: