TURISMO E CULTURA

O Grupo de Cidades Patrimonio lanza novo material promocional en todo o mundo en colaboración con Turespaña

26/02/2019 As Comisións de Turismo e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reuníronse en Madrid para impulsar as novas accións que se van a levar a cabo ata o mes de xuño, entre as que destacan a edición dun novo folleto de promoción turística das cidades, en colaboración con Turespaña; a presentación das Cidades do Grupo no mercado chinés, a posta en marcha da segunda fase do Observatorio de Turismo ou a potenciación do Festival Escena Patrimonio, un evento cultural pioneiro en España, no marco da Noite do Patrimonio.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, participou nestas xuntanzas xunto con outros concelleiros e concelleiras das 15 Cidades Patrimonio. En materia turística, entre as accións que se van impulsar ata o mes de xuño atópase o novo folleto de promoción turística do Grupo, en colaboración con Turespaña, que se vai a publicar en nove idiomas (castelán, inglés, francés, alemán, italiano, portugués, ruso, xaponés e chinés) e se vai a difundir nas Oficinas de Turismo de España en todo o mundo, ademais de estar accesible en todas as plataformas e dispositivos en formato dixital.

A estratexia de promoción turística das Cidades Patrimonio da Humanidade céntrase de forma inminente no mercado chinés, cunha viaxe que se vai realizar dende o 31 de marzo ao 4 de abril, e inclúe workshops en Shanghai e Pequín. Ademais, a aposta do Grupo polo mercado europeo vai continuar nas feiras de turismo ITB de Berlín (6-10 de marzo) e no Salón Mondial du Tourisme de París (14-17 de marzo).

A posta en marcha da segunda fase do Observatorio Turístico é outro dos retos que afronta o Grupo Cidades Patrimonio nos próximos meses, tras a firma do convenio coa Secretaría de Estado de Turismo, o pasado 23 outubro, que subvenciona con 30.000 euros a realización desta segunda fase.

Ademais, a produción e gravación da cuarta tempada da serie de RTVE sobre as Cidades Patrimonio da Humanidade é outro dos grandes obxectivos, con Baeza, San Cristóbal de la Laguna, Tarragona e Úbeda como últimos escenarios da serie de 15 documentais que conforman este ambicioso proxecto artístico e tecnolóxico de RTVE e o Grupo de Cidades Patrimonio.

Deporte e Cultura
Na Comisión de Cultura acordouse reforzar con compañías de vangarda o Festival Escena Patrimonio, un evento único en España, coa danza contemporánea en espazos históricos como protagonista. Celébrase no marco da II edición da Noite do Patrimonio, que terá lugar o 21 de setembro nas 15 cidades, con apertura de espazos patrimoniais e actividades culturais.

Ademais, o II Circuíto de Carreiras será noticia ata final de ano con 15 probas que se desenvolverán nas Cidades Patrimonio. Arrinca o próximo día 10 de marzo en Mérida coa Media Maratón Mérida Patrimonio da Humanidade, e conclúe o 7 decembro de 2019, con Cursa Popular Eivissa Patrimoni de la Humanitat. As carreiras cobren distancias que oscilan entre os 10 km e a Media Maratón, e das 15 que integran o Circuíto será necesario finalizar polo menos catro delas para optar á clasificación final.

Poderán tomar parte no II Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade todas as persoas que teñan cumpridos 18 anos o mesmo día de comezo da primeira das probas que compoñen o Circuíto, sendo obrigatoria a inscrición dos corredores a través do formulario online aloxado na páxina web do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Entre o calendario de actividades culturais do Grupo para os próximos meses tamén destaca o VI Ciclo de Música de Cámara que, organizado en colaboración coa prestixiosa Escola Superior de Música Raíña Sofía, levará entre abril e maio os mellores grupos deste centro de alta formación a palacios, museos, igrexas e catedrais das 15 cidades.

Compartir: