PERSOAL

Convocadas unha praza de psicólogo/a e outra de educador/a familiar para Políticas Sociais

22/02/2019 O BOP do pasado 19 de febreiro publicou as bases da convocatoria de dúas prazas para o Departamento de Políticas Sociais, unha de psicólogo/a e outra de educador/a familiar. As persoas interesadas en concorrer a estas prazas teñen vinte días, dende o día seguinte á publicación, para presentar a documentación.

O sistema selectivo para ambos procedementos é o de concurso-oposición, cunha primeira fase de oposición e unha segunda de concurso. En ambas prazas haberá cinco exercicios escritos, de carácter eliminatorio. O primeiro exame consistirá nun tipo test de 120 preguntas sobre o contido da parte xeral do programa, que deberán resolver no tempo máximo de 120 minutos. O segundo exame consistirá en desenvolver dez preguntas, vinculadas ao contido da parte específica. O terceiro exercicio será a resolución de dous supostos prácticos a elixir entre catro propostos polo Tribunal. O cuarto exercicio servirá para valorar as aptitudes en ferramentas como Word e Excel e o quinto será unha proba de lingua galega, agás para as persoas que acrediten o CELGA 4.

Outras prazas
Estas dúas prazas súmanse a outras oposicións en marcha durante o pasado ano tanto para persoal funcionario como laboral. Entre as prazas ofertadas están as de administrativos/as, policías locais, bombeiros/as, arquitecto/a e auxiliar de clínica. Ademais, durante este mandato sacáronse outras ofertas de emprego temporal, entre as que destacan as de delineantes, arquitectos/as, persoal administrativo, traballadores/as sociais, informáticos, axentes de emprego, arqueólogos, técnico/a de deportes e técnico/ de inspector fiscal.

Oferta de emprego 2018
No pasado mes de decembro, a Xunta de goberno aprobou a Oferta de Emprego 2018, que contempla 45 prazas. Delas, 10 son da convocatoria de promoción interna e 35 de quenda libre. Entre as novas prazas, destacan as do servizo de extinción de incendios ou a dotación, por vez primeira, dun fagotista para a Banda Municipal de Música.

Nas 35 prazas de quenda libre figuran doce postos de nova creación para persoal funcionario e dous para persoal laboral. Os primeiros son, en concreto, tres oficiais de extinción de incendios, dous bombeiros/as-condutores/as, un economista, un músico/a fagotista, un administrativo/a, un auxiliar administrativo, un uxier e dous policías locais (na quenda de mobilidade). Como persoal laboral convócanse as prazas de avogado de Servizos Sociais e ATS.

A oferta de prazas en quenda libre inclúe a estabilización de 18 postos que estaban cubertos de maneira interina. Destas, doce corresponden a persoal funcionario, en concreto un arquitecto/a, tres técnicos/as da administración xeral, un arquitecto/a técnico, dous saxofonistas, un administrativo/a, un condutor/a, un técnico/a intermedio de prevención de riscos laborais e dous uxieres. Tamén se contempla a estabilización de seis prazas de persoal laboral: un técnico/a de Educación e Mocidade, un xornalista, un porteiro/a-conserxe para instalacións deportivas, un palista, e dous condutores/as para o parque móbil. Ademais, a oferta incorpora tres prazas de persoal indefinido non fixo por sentenza, en concreto dous auxiliares administrativos e un arquitecto/a da Oficina de Rehabilitación da Cidade Histórica.

En canto ás prazas de promoción interna, son seis para persoal funcionario e catro para persoal laboral. As primeiras son cinco prazas de administrativos/as e unha de conserxe; e as de persoal laboral corresponden a tres administrativos/as do servizo de recadación e un porteiro/a conserxe.

A oferta de emprego reserva tres prazas para persoas con diversidade funcional. Son unha praza de auxiliar administrativo/a e unha de uxier na oferta de quenda libre para persoal funcionario, e unha praza de administrativo na quenda de promoción interna para persoal funcionario.

Direcciones relacionadas



Compartir: