ACCIÓN CULTURAL

O Festival Atlántica consolídase como o encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica

21/02/2019 O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa sétima edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 23 de marzo. A presentación tivo lugar este xoves nunha rolda de prensa na que participaron Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña; Jesús Basterrechea, concelleiro da Área de Cultura e Educación, Universidade, Deportes, Turismo e Festas de Ferrol; Mª del Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín, e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Soledad Felloza comezou a súa intervención salientando as cifras do Festival, "trece días, 16 días, 30 artistas e 91 funcións", que fan de Atlántica o "encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica" e de Galicia, "un referente do mundo da lusofonía". Un feito que para Felloza non é casual, porque os contos forman parte da idiosincrasia galega e así se xustifica que "a narración oral é a única arte escénica presente todos os días na programación cultural deste país".

A sétima edición de Atlántica vén consolidar o formato multisede que inaugurara no ano 2015 e que nesta ocasión levará os contos do festival a 16 concellos: Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Drión e Cuntis. En total, trinta artistas procedentes de Xapón, Portugal, Euskadi, Zamora, Sevilla, Tenerife, Madrid, Teruel, Guadalaxara, Alacante e Galicia protagonizarán as 91 actuacións que xa están programadas e que aínda poderían ser máis.

Seguindo a liña doutras edicións, Atlántica volve brindar espectáculos para todos os públicos e en espazos diversos. Recuncarán as contadas en lingua de signos, para bebés e para os maiores, e tamén unha das actividades con mellor acollida do festival: os roteiros con contos. As historias tomarán os teatros, as bibliotecas, os centros cívicos, os bares, as rúas, os parques en mesmo os cemiterios. O festival vai estrear novos formatos como os contos de orella á orella nas rúas, as contadas cos cans nos parques e tamén haberá tapas atlánticas nos bares e tabernas.

Ademais, nesta edición Atlántica súmase á celebración de Luis Seoane facendo unha chiscadela ao seu cadro As mariscadoras no cartel oficial porque, en palabras da directora do festival, "os contadores somos mariscadoras". Outra figura que tamén será homenaxeada é a de Antonio Fraguas, por ser un referente da investigación.

A información sobre os contadores e contadoras deste ano xa está publicada na web do festival (festivalatlantica.gal), que nesta edición incorpórase ao dominio .gal. Tamén está dispoñible o programa das actuacións e mais o prezo das entradas e os lugares de venda. Ademais, as entradas para os espectáculos que se celebrarán no Teatro Principal xa poden adquirirse na web entradas.abanca.com.

Direccións relacionadas



Compartir: