ALCALDÍA E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O alcalde analiza ante o Foro Cívico a internacionalización turística e a situación do emprego en Compostela

19/02/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o concelleiro de Medio Rural e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, reuníronse hoxe cos membros do Foro Cívico para dar conta da internacionalización turística de Compostela e a situación do emprego.

Martiño Noriega explicou que os obxectivos que se marcaron nos últimos anos foron a internacionalización da demanda turística da cidade, focalizando os esforzos na captación de turistas procedentes dos mercados prioritarios europeos, pero tamén ampliando o horizonte concentrándose tamén en mercados transoceánicos que se consideran con grandes posibilidades para a cidade. Estableceuse este obxectivo de diversificación da demanda con tres grandes liñas estratéxicas que foron a mellora da conectividade internacional do aeroporto, a focalización dos recursos na promoción turística da cidade e o impulso de Santiago como destino de Congresos e eventos internacionais.

O alcalde e a edila de Turismo expuxeron tamén os principais indicadores turísticos do 2018, cun novo récord de pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto (2.724.750), con datos históricos tamén en canto a número de Compostelas entregadas (327.378) e con 1.338.724 pernoctas.

Turismo de incentivos
É precisamente o turismo de congresos e incentivos unha das apostas de Turismo de Santiago. No ano 2018 a entidade asociouse á International Congress and Convention Association (ICCA), rede global para o fomento do turismo de Congresos e Eventos. Compostela acolleu nos últimos catro anos un 37% máis de congresos, cifra que continuará incrementándose por mor do Ano Santo 2021.

A maior parte dos eventos que se celebraron en Santiago no 2018 concentráronse no primeiro semestre, sobre todo nos primeiros tres meses do ano (con 65), "o que amosa a importancia deste tipo de turismo de cara a conseguir o obxectivo da desestacionalización", tal e como explicou Marta Lois.

Nesa liña de apostar pola internacionalización de Compostela e o turismo de congresos desenvolveuse un importante programa de accións de promoción, que inclúen participación en feiras e eventos turísticos nos principais mercados emisores para a cidade, pero tamén a mostra do destino a profesionais que se convida a que visiten a cidade. Estas accións deséñanse co obxectivo de consolidar o posicionamento de Santiago como destino de dimensión internacional compleméntanse coas que se realizan dende o Grupo de Cidades Patrimonio. No último par de anos desenvolvéronse máis de 70 accións de promoción en múltiples países.

Emprego
No tocante ás cifras de emprego, Marta Lois sinalou que "o turismo é un dos principais sectores económicos de Compostela, que xera empregos directos e indirectos" e engadiu que "pode ser moi interesante analizar a evolución do paro rexistrado na cidade nos últimos anos para ver como evolucionou ao mesmo tempo que se foi internacionalizando a demanda turística". Así, tomando como referencia o mes de decembro (de temporada baixa), o 2018 foi o ano coa cifra de paro máis baixa, incluso con rexistros mellores que nos anos previos á crise. Así, a decembro do ano pasado había un total de 5.442 persoas paradas.

No relativo ao número de persoas afiliadas á Seguridade Social, Lois destacou as 68.314 persoas ocupadas no 2018, cifra que supera en case 2.000 o nivel de ocupación previo a recesión e que supón case 6.000 empregos máis que hai catro anos. Tamén destacou a empregabilidade feminina xa que "existindo aínda unha importante fenda de xénero, cómpre sinalar o aumento das mulleres con emprego nun 9% nos últimos anos, ata chegar a 35.000 persoas". Tamén avanzou que a dinámica de xeración de emprego en Compostela "non se detén, con cinco anos seguidos de crecemento e cun 2018 que foi o ano de maior crecemento da última década".

Novas formas de emprego e protección do tecido económico
Na xuntanza fíxoselles entrega aos/ás integrantes do Foro Cívico do libro Talentia. Talento e emprego nas economías locais, que recolle todas as intervencións e debates de Talentia 2018. A publicación pretende servir de instrumento para analizar os desafíos e as oportunidades que nos ofrecen para Compostela o talento e as novas formas de emprego.

Tamén se falou na reunión da implementación dun plan de protección para o pequeno comercio e da reindustrializacion de Compostela.

Compartir: