PLENO

O Pleno aproba de maneira definitiva a ordenanza municipal de terrazas

28/01/2019 O Pleno da Corporación aprobou hoxe de maneira definitiva a ordenanza municipal reguladora de terrazas e quioscos de hostalería. O texto, que incorporou parte das alegacións presentadas tras a aprobación inicial da ordenanza, contou cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención do resto de grupos municipais.

A modificación máis salientable ten que ver co artigo que regula as modalidades de ocupación da vía pública coas terrazas, en resposta á alegación presentada pola asociación Hostalería Compostela. Na sesión plenaria, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "cos cambios do texto, o Goberno atende ás demandas do sector hostaleiro mantendo o espírito da norma, que pretende regular e limitar a ocupación do espazo público". Así, o texto aprobado hoxe recolle que, con carácter xeral, a terraza deberá situarse acaroada á fachada do establecemento e a súa lonxitude limitarase á da fachada do local do que é auxiliar; e xustificadamente, poderá estar separada do local ata un máximo de 20 metros. Tamén inclúe que "cando a terraza se sitúe acaroada á fachada ou na liña de bordo da beirarrúa e sempre que non se soliciten ambas ocupacións simultaneamente, poderá autorizarse superar os límites da fachada do establecemento, previa solicitude debidamente fundamentada á que debe achegarse autorización dos propietarios dos locais comerciais estremeiros".

Do mesmo xeito, será precisa unha solicitude debidamente fundamentada para situar a terraza separada do establecemento. Nos dous casos, a concesión da autorización terá en conta cuestións técnicas como as características e morfoloxía dos espazos, o impacto visual, os fluxos de persoas e vehículos ou a afectación da accesibilidade universal. Sinálase ademais que "en ningún dos supostos de ocupación poderá ocuparse espazo fronte ou acaroado a portais de entrada de vivendas".

As modificacións xa contempladas no texto aprobado inicialmente afectábanlle ás terrazas con pechamento, "posto que a ordenanza municipal en vigor incumpría unha lei de rango superior relacionada coas concesións demaniais do espazo público que fixa nun máximo de catro anos estas concesións fronte aos dez anos que autorizaba o Concello de Santiago para esas estruturas". Jorge Duarte explicou ante o Pleno que "se permitirá que as terrazas con pechamento esgoten o prazo de concesión sempre que respecten escrupulosamente as condicións polas que lles foi outorgada", e adiantou que o obxectivo é que "na zona histórica non haxa terrazas con pechamento porque entendemos que teñen demasiado impacto nunha área que ten que ser protexida".

Tamén se introduce unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, segundo explicou Jorge Duarte, "atendendo ás demandas do propio sector hostaleiro". A modificación proposta sinala que a limpeza e a retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido.

O horario de funcionamento das terrazas mantense ata a 1:00 nos meses de maio, xuño e setembro durante a semana, e ata as 2:00 nas noites de venres a sábado, véspera de festivos e noites de sábado a domingo. Nos meses de xullo e agosto, o horario de peche será as 2:30 horas todos os días. O resto do ano, do 1 de outubro ao 30 de abril, o horario de peche será as 23:30 entre semana e as 00:30 horas nas noites de venres a sábado, véspera de festivo e noites de sábado a domingo.

Por último, introduciuse unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, atendendo as demandas do sector hostaleiro, de xeito que a limpeza e retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido para a terraza.

Conta xeral
O Pleno tamén aprobou na sesión extraordinaria e urxente desta tarde a Conta Xeral do exercicio 2017, cos votos favorables do grupo de Goberno de Compostela Aberta e a abstención do resto de grupos. No desglose da conta feito pola concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, destacou "a redución da débeda bancaria, que coloca a Santiago en mínimos históricos e que permite contar cun concello saneado e con boa saúde económica".

Entre as partidas con mellor execución sitúase "a de mantemento, cunha execución do 91%, e a de áreas como Igualdade, Deporte ou Centros Cívicos, que superan o 100% de execución". A execución dos gastos correntes ascendeu ao 91,38%, que equivale a 78.561.631 euros.

En canto aos investimentos reais, coñecido comunmente como obra pública, no ano 2017 investíronse 6,5 millóns de euros. María Rozas recoñeceu que "se mantén o problema estrutural que ten o Concello de Santiago dende hai décadas e que fai que a porcentaxe de execución neste capítulo se sitúe no 23%", pero incidiu en que os proxectos que non se executaron na súa totalidade no 2017 "iniciáronse ou executáronse na súa totalidade en 2018, como as obras de accesibilidade de Triacastela, a reurbanización de Castrón Douro ou a senda peonil en Lamas de Abade".

María Rozas tamén incidiu en que o informe da regra de gasto sinala que o Concello de Santiago cumpriu esta norma por só 6.000 euros. A concelleira de Economía e Facenda salientou que "se tiveramos gastado 7.000 euros máis teriamos incumprido esta regra que dende o Goberno entendemos que é absurda, porque impide que os Concellos gasten aínda que teñan recursos dispoñibles".

Compartir: