ALCALDÍA

Martiño Noriega participa na Asemblea de Cidades Patrimonio celebrada no marco de Fitur 2019

25/01/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou esta mañá nos actos que o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade desenvolveu durante a xornada de hoxe no marco de Fitur 2019. A axenda comezou coa xuntanza da Asemblea de Alcaldes e Alcaldesas e continuou coa renovación de varios convenios para a promoción das 15 cidades.

Tras a xuntanza de primeira hora, os/as 15 rexedores/as asistiron á presentación do Plan de Acción 2019 con Paradores, coa presenza do presidente da entidade, Óscar López e do presidente do Grupo e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal. Óscar López puxo a Santiago "como exemplo da simbiose entre o seu parador e o patrimonio".

En virtude deste convenio que se iniciou en 2005, continuarán organizando en 2019 accións conxuntas que fomentarán o turismo cultural e darán a coñecer o patrimonio dos destinos que integran a Asociación que dispoñen dun aloxamento da Rede. A colaboración concretarase na participación en presentacións conxuntas internacionais, a organización de viaxes de familiarización para coñecer os destinos patrimoniais, concursos e campañas a desenvolver no marco das redes sociais, promocións de ofertas para o público e vantaxes para os Amigos de Paradores. Ademais, Paradores colaborará en dous dos programas máis destacados do Grupo: o II Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade e A Noite do Patrimonio, que se celebrará o 21 de setembro de maneira simultánea nas 15 cidades.

Convenio con Turespaña
A continuación, Martiño Noriega, asistiu á presentación do Plan de Acción para a promoción internacional das 15 cidades patrimonio, dentro do convenio que o Grupo mantén dende 2001 con Turespaña. No acto participaron tamén a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver; o director xeral de Turespaña, Héctor Gómez, e o resto de alcaldes e alcaldesas das Cidades Patrimonio.

Este acordo permite a realización conxunta e coordinada de accións de marketing ao redor da marca "Cidades Patrimonio da Humanidade de España" nos mercados internacionais, mellorando a eficacia e rendibilidade das promocións que cada unha das entidades realiza. Para 2019 prevese a presenza das 15 cidades nas feiras máis importantes do mundo, a organización de presentacións directas en mercados de orixe e a participación en xornadas profesionais de comercialización, así como a organización de viaxes de familiarización ás Cidades Patrimonio de xornalistas e operadores turísticos.

Convenio con Iberia
Tamén se procedeu, no marco de Fitur, á renovación do convenio de colaboración entre o Grupo de Cidades Patrimonio e Iberia, acto no que participou o presidente da compañía aérea, Luís Gallego, e os/as 15 rexedores/as das cidades. En virtude deste acordo, Iberia outorgará tarifas con condicións e prezos especiais para os desprazamentos profesionais das persoas vinculadas ás Cidades Patrimonio da Humanidade, participará en eventos de promoción e desenvolverá proxectos para a conexión intermodal das cidades. Pola súa banda, o Grupo de Cidades Patrimonio nomeará a Iberia como o seu Transportista Aéreo Preferente, incorporándoa nos seus plans de promoción internacionais para reforzar a imaxe destes destinos nos mercados exteriores.

A ruta das Cidades Patrimonio en Fitur 2019
Con motivo da celebración en Madrid de Fitur, o Grupo Cidades Patrimonio, en colaboración con Paradores organizou, por quinto ano consecutivo, a campaña "A Ruta das Cidades Patrimonio da Humanidade en Fitur 2019", que ten lugar do 23 ao 27 de xaneiro. A promoción consiste nun concurso no que pode participar o público asistente a Fitur, que debe percorrer todas as casetas das Cidades Patrimonio da Humanidade na feira e solicitar aos técnicos e técnicas que os atenden que estampen un selo acreditativo da visita no pasaporte que se facilitará en todos os mostradores das 15 cidades.

Os premios que poderá obter o gañador son: un bono con 3 pernoctas a usar durante todo o ano nos Paradores das Cidades Patrimonio, agasallos, entradas a monumentos e visitas guiadas nas cidades e unha visita especial personalizada á colección permanente do Museo Nacional Thyssen- Bornemisza de Madrid, museo co que o Grupo mantén un convenio de colaboración para promocións conxuntas.

O gañador ou gañadora darase a coñecer ás 17:00 horas do domingo 27 de xaneiro nas redes sociais do Grupo. O obxectivo da campaña é promocionar entre o público visitante a feira, especialmente o estatal, as interesantes rutas que ofrecen os 15 destinos do Grupo asociadas aos establecementos de Paradores, como combinación perfecta de patrimonio, cultura e lecer.

O GCPHE
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España está formado polas cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: