DEPORTE

O novo campo de Rugby da USC acolle este sábado a primeira xornada do Campionato de España Sub-16 e Sub-18 de Rugby

24/01/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este xoves os detalles do Campionato de España Sub-16 e Sub-18 de Rugby, que celebra a súa primeira xornada o sábado 26 de xaneiro en Compostela. Na rolda estivo acompañada do secretario da Federación Galega de Rugby, Javier Fernández; o delegado da Selección Galega sub-18 e vicepresidente da Asociación Valentes, Diego Pagnotta; o técnico de Deporte da USC, Miguel Magán, e os xogadores sub-18 e sub-16 da Selección Galega, Nacho Pagnotta e Sergio Pérez.

Os encontros terán lugar este sábado 26 entre as seleccións sub-16 e sub-18 de Galicia e Asturias, que se enfrontarán no "remodelado campo de rugby da USC, froito da colaboración entre a Universidade, a Deputación da Coruña e o Concello", obras que permitiron dotar á instalación dunha nova superficie de herba artificial, de novas porterías para fútbol 7 e 11 e para rugby, e dunha zona cuberta na parte central da grada. Tamén se mellorou a iluminación, empregando a tecnoloxía led, tal como lembrou a concelleira.

Tamén interveu Miguel Magán, quen quixo reiterar "a dispoñibilidade e o compromiso da USC co fomento do deporte, que é unha parte da responsabilidade social da entidade".

Horarios
Ás 16:00 horas será a quenda do combinado sub-16 e, xa a partir das 17:30 horas, dos 23 seleccionados da Selección Galega sub-18. O secretario da Federación Galega de Rugby, Javier Fernández, estimou en "arredor de 200 as persoas que virán de Asturias para animar á súa selección, se sumamos os 23 de cada selección, así como familiares e amigos". A entrada para ambos partido é de balde.

Pola súa banda, Diego Pagnotta resaltou a "honra que supón acoller un evento destas características e de tanto nivel" e gabou a importancia que "a Selección Galega ten para que os nenos e nenas teñan máis rodaxe neste deporte".
Nacho Pagnotta e Sergio Pérez amosaron a súa satisfacción por poder participar nos encontros do sábado e relataron os seus "hábitos deportivos e alimenticios" que seguen para estar "ao máximo nivel deportivo".

Deporte que medra
A vitalidade do rugby galego non ten límites, sendo un deporte que segue a incorporar novos participantes e que continúa mellorando e consolidándose no aspecto competitivo. A nivel do conxunto do Estado, Galicia ocupa o sétimo posto tanto no relativo a número de licenzas como de clubs, pasando de 900 en 2009 ás máis de 1.400 da última tempada.

O fortalecemento do rugby autonómico é froito dun traballo serio e constante da Federación e dos clubs con todas as categorías, dende os primeiros equipos que cada ano se miden nas competicións estatais, ata as categorías inferiores e o deporte escolar.

Os resultados deportivos, o bo nivel competitivo e o crecemento de licenzas nas categorías base apuntan a un bo futuro para o rugby galego. Na nosa cidade naceu tamén o Clúster Rugby en Compostela para fomentar este deporte en todas as categorías.

Compartir: