TURISMO

Santiago presenta en Fitur a súa aposta polo turismo literario, dos bos amores, de congresos e de cine

22/01/2019 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixeron no Pazo de Raxoi unha presentación das accións de promoción que desenvolverá a entidade municipal de promoción turística en Fitur, que terá lugar do 23 ao 27 de xaneiro en Madrid.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, fará o xoves, ás 10:00 h, unha presentación da cidade a profesionais e medios de comunicación que xirará en torno a catro produtos nos que Turismo de Santiago traballará ao longo do 2019, seguindo as liñas marcadas polo Plan Estratéxico de Turismo.

Estes catro produtos son Turismo Literario, en torno á figura de Rosalía de Castro como embaixadora da cidade; Turismo para celebración de eventos como enlaces, aniversarios, lúas de mel… baixo a marca "Santiago dos Bos Amores", que toma como referencia un poema de Rosalía; o Turismo de Congresos e Incentivos, coa creación de novas ferramentas de promoción dirixidas a profesionais destes segmentos; e o Turismo de Cine, incluíndo a solicitude de adhesión á Rede de Cidades Creativas da UNESCO na categoría de Cine, que se fará neste 2019.

A concelleira de Turismo participará o xoves na presentación da Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico de Galicia, xunto cos representantes da Xunta de Confrarías. Será o primeiro ano no que a Semana Santa da cidade conte con este recoñecemento, que conseguiu logo de que Turismo de Santiago, en colaboración coa Xunta de Confrarías da cidade, presentase o informe xustificativo ante a Xunta de Galicia en abril de 2017.

Ademais destas presentacións, Turismo de Santiago conta cunha ampla axenda de entrevistas e reunións de traballo con múltiples profesionais do sector, dende axencias de viaxes ata compañías aéreas, pasando por organizadores de congresos ou medios de comunicación. O obxectivo é continuar amosando os atractivos da cidade como destino internacional de calidade. Neste sentido, Turismo de Santiago ten reunións axendadas cos responsables das Oficinas Españolas de Turismo dos principais mercados emisores da cidade como Frankfurt, Nova York, París ou Sao Paulo, e tamén con outros mercados que constitúen oportunidades de futuro, como Pekín ou Singapur.

Crecemento do turismo internacional
A concelleira Marta Lois tamén fixo unha primeira valoración dos datos turísticos correspondentes ao ano 2018, a falta de que o INE publique os datos definitivos de pernoctacións, no que Santiago continuou co crecemento no sector que se vén producindo nos últimos anos, apoiado en boa medida no aumento do turismo internacional.

O aeroporto de Santiago logrou sumar o seu terceiro récord histórico consecutivo no 2018, consolidando a tendencia de crecemento continuado dos últimos catro anos. No pasado ano, o aeroporto sumou 2.724.750 pasaxeiros e pasaxeiras. No ano 2014, segundo lembrou o concelleira, o tráfico fora de 2.083.873. É dicir, nos últimos catro anos gañáronse máis de 640.000 pasaxeiros e pasaxeiras, cun crecemento superior ao 30%.

O Camiño de Santiago continuou tamén no 2018 co seu crecemento constante, chegando ata os 327.342 peregrinos e peregrinas. Son preto de 90.000 persoas máis que no 2014, polo que o crecemento nos últimos catro anos foi do 37%. Marta Lois destacou que este crecemento do Camiño de Santiago apoiouse no crecemento internacional, con máis 180.000 persoas procedentes de máis de 150 países.

Compartir: