CONSORCIO

O mestre italiano Enrico Onofri dirixe esta semana a Real Filharmonía de Galicia e interpreta o "Concerto para violín" de Haydn

21/01/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o xoves 24 na súa sede, o Auditorio de Galicia, no marco da súa tempada de abono, ás 20:30 horas, e que suporá ademais a estrea das novas butacas da sala Ángel Brage. Ao día seguinte, o venres 25, a orquestra desprazarase a Ourense, onde tocará no Teatro Principal da cidade, ás 20:00 horas. O mestre italiano Enrico Onofri levará a batuta de ambos os concertos, á vez que interpretará unha obra ao violín.

Baixo o título "Clasiquísimo", o programa comezará coa Sinfonía nº 10 de Mozart (1756-1791), considerado o mestre do Clasicismo, que compuxo esta obra durante a súa primeira viaxe a Italia co seu pai, en 1970, cando tan só contaba 14 anos. A continuación, os músicos achegarán ao público a Sinfonía en La do compositor barroco Giovanni Battista Sammartini (1700-1775).

O programa inclúe ademais o Concerto para violín en Sol de Franz Joseph Haydn (1732-1809), que será interpretado nesta ocasión polo propio Enrico Onofri. Haydn escribiuno para un coñecido violinista da época, Luigi Tomasini.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 39 de Mozart, unha das últimas sinfonías do xenial compositor. É considerada unha obra mestra dunha expresividade, dramatismo e densidade nunca alcanzados ata entón. Compúxoa nun dos períodos máis escuros da súa vida: a súa situación económica era xa moi precaria e tamén a súa vida persoal, debido a que a súa filla Teresa falece tres días despois de completar esta sinfonía.

Charla previa co director e violinista Enrico Onofri
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente ao mesmo terá a oportunidade de manter unha charla previa co director e violinista Enrico Onofri. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Onofri debuta como director en 2002 con grande éxito e aplauso da crítica, sendo dende entón convidado a dirixir ensembles e orquestras por toda Europa, Xapón e América. Entre 2005 e 2013 é director principal de Divino Sospiro, agrupación residente do Centro Cultural de Belém en Lisboa.

Dende o ano 2000 é profesor de violín barroco e interpretación de música barroca no Conservatorio Bellini de Palermo e é convidado con regularidade a impartir clases maxistrais en Italia, Xapón e Europa, en centros como a Julliard School de Nova York.

Actúa nos auditorios máis importantes do mundo, como o Musikverein e Konzerthaus de Viena, Mozarteum de Salzburgo, Philarmonie e Unter dean Linden Operahouse en Berlín, Alte Oper en Frankfurt, Concertgebouw en Ámsterdam, Teatro San Carlo en Nápoles, Carnegie Hall e Lincoln Center en Nova York, Wigmore Hall e Barbican Hall en Londres, Tonhalle de Zúric, Théâtre des Champs-Elysées e Théâtre du Châtelet en París, Auditorio Nacional en Madrid, Oji Hall en Tokio, Osaka Symphony Hall ou no Teatro Colón de Bos Aires.

Dirixe habitualmente a Orquesta Barroca de Sevilla, Camerata de Berna, Festival Strings de Lucerna, Orquestra de Kanazawa, Cipango Consort de Tokio; e orquestras como a Real Orquesta Sinfónica de Sevilla, Orquestra de Auvernia, Orquestra da Ópera de Lyon ou a Orquestra de Cámara de Basilea.

Moitas das súas gravacións recibiron prestixiosos galardóns internacionais, entre eles o Premio Gramophone, Gran Premio de Discophiles, Boto Deutsche Schallplattenpreis, Premio Caecilia, Premio Fundación Cini de Venecia, Nouvelle Académie du Disque; e numerosos Diapason d´ Or, Choc da Musique e 10 Répertoire.

Compartir: