CONSORCIO

O Consorcio remata as obras de mellora da eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi

21/12/2018 O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de mellora da eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi. A intervención realizouna a empresa Cabero Edificaciones, S.A., por un importe global de 277.815,29 euros.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra é Xosé Allegue. Explica que con esta intervención buscábase mellorar a eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi a través da renovación de carpinterías e saneado da fachada. Tal como sinala o arquitecto, "o mal estado das carpinterías e rexuntados da pedra favorecía a perda de calor e a permanente humidade das caras interiores dos muros, o que obrigaba ao sistema de calefacción a empeñar gran parte da súa capacidade na disipación da humidade dos muros, que pasaba á súa vez ao ambiente interior das estancias, coa conseguinte aparición de mofos e liques, e provocando como consecuencia ambientes de traballo insalubres".

Nesta mesma fachada atópase unha terraza que presentaba graves problemas de filtracións de pluviais cara ás estancias inferiores, o que xeraba altos niveis de humidade e fungos, ademais dun elevado consumo enerxético para a súa desecación, polo que se procedeu á súa impermeabilización.

Mantemento da pedra, renovación das carpinterías e das reixas
Entre as actuacións que se levaron a cabo destaca o mantemento ordinario dos elementos pétreos da fachada, co fin de garantir a súa estanqueidade. Ademais, revisouse o estado da pedra de cara a previr posibles caídas de material á rúa.

Por outro lado, renováronse todas as carpinterías para mellorar a estanqueidade, o illamento acústico e a eficiencia enerxética do edificio nesta fachada. Implementáronse mecanismos e motorizacións de aperturas de ventás non accesibles co propósito de facilitar a necesaria ventilación dos espazos. E nalgunhas estancias incluíronse medidas correctoras para atenuar a concentración de radón.

Tamén se sanearon as reixerías existentes nas ventás dos balcóns, así como nas numerosas ventás que dan ao patio.

Compartir: