ALCALDÍA

O Ministerio para a Transición Ecolóxica reitera a súa aposta pola localización da nova EDAR na Silvouta

18/12/2018 O alcalde de Santiago expresou hoxe o agradecemento do Concello ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que na reunión celebrada esta tarde en Madrid reiterou a súa aposta por construír a nova depuradora nos terreos que ocupa a actual EDAR da Silvouta, seguindo a proposta do Goberno compostelán. O Ministerio coincide co Concello en que esta é a mellor opción "porque ten un menor impacto ambiental e un menor custo económico que o proxecto do Souto". Ademais, as dúas administracións entenden que a alternativa da Silvouta é a única que permite seguir optando aos fondos europeos comprometidos para a infraestrutura.

Martiño Noriega avanzou que "nas vindeiras semanas asinarase o convenio con Acuaes para a licitación da redacción do anteproxecto da EDAR da Silvouta, e tamén se avanzará de cara a elaboración do estudo de impacto ambiental simplificado da infraestrutura". Deste xeito, continúase na liña iniciada nas xuntanzas mantidas no mes de setembro entre o Concello e o Ministerio de Transición Ecolóxica.

O alcalde tamén agradeceu que na reunión desta tarde a Xunta mantivera o seu compromiso de achegar o 20 por cento do custo da nova estación depuradora de augas residuais, "independentemente da súa estratexia de opoñerse á nova localización da EDAR na Silvouta". Martiño Noriega reiterou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Concello coinciden en que a opción da Silvouta "permitiría acceder a fondos europeos, porque o proxecto formula a construción da EDAR por fases e, polo tanto, poderíanse realizar xustificacións parciais da obra para acceder ás achegas comunitarias". Lembrou, ademais, que "a declaración de impacto ambiental do proxecto do Souto está caducada, polo que regresar a esta localización supón regresar a un punto cero da tramitación". O alcalde incidiu, por último, en que "o convenio para a construción da EDAR no Souto foi rexeitado polo Pleno da Corporación, e non conta co respaldo social quen sí ten a alternativa da Silvouta"

Compartir: