DEPORTE

Os pavillóns de Fontiñas e Monte dos Postes acollen o XII Torneo Solidario de Nadal "Operación Quilo"

18/12/2018 O Centro Don Bosco, a Asociación de Deportistas Veteranos de Santiago e o Santiago Futsal poñen en marcha o XII Torno Solidario de Nadal "Operación Quilo", co obxectivo este ano de recadar fondos para o Proxecto Suriya, de axuda a mozos e mozas dos centros xuvenís de Siria, promovido pola Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia e a Confederación de Centros Xuvenís Don Bosco de España. Tamén se recadarán alimentos para as familias de Santiago.

Os detalles do torneo foron presentados hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Deporte, Noa Morales; o xestor de recursos humanos de Don Bosco en Compostela, Xesús Vilas, e o presidente do Santiago Futsal, Ramón García. A edila destacou que "este torneo é xa un clásico do Nadal compostelán, cumprindo 12 edicións coa solidariedade e o bo facer como obxectivos", facendo fincapé tamén nos dous polideportivos nos que se celebrará o torneo, "recentemente reformados para o desfrute de toda a veciñanza".

O presidente do Santiago Futsal quixo agradecer o apoio e implicación das empresas que colaboran coa acción e destacou "o obxectivo do torneo que vén indicado nese lema do cartaz: o froito da solidariedade". Pola súa banda, Xesús Vilas lembrou que "este torneo permite recadar moitos quilos de comida que axudan a máis de 150 familias con poucos recursos da cidade".

Os pavillóns de Monte dos Postes e Fontiñas acollerán do 26 ao 29 de decembro esta duodécima edición do Torneo Solidario de Nadal "Operación Quilo", cuxa inscrición ten un custo de 20 euros por equipo máis un quilo de comida por xogador/a. A inscrición pode facerse no Centro Don Bosco (Belvís, 2) ou nos enderezos electrónicos cxdonbosco@cxdonbosco.org ou advsantiago@gmail.com, ata o sábado 22 de decembro antes das 12:00 horas, que será cando se proceda a sortear os grupos.

Horarios
Celebrarase unha primeira fase de 20:30 a 23:30 horas os días 26, 27 e 28 de decembro e unha fase final de 9:00 a 15:00 horas o sábado 29 de decembro. Os equipos deberán estar conformados por un máximo de 12 xogadores/as de máis de 16 anos. Haberá un total de 16 equipos no torneo.

O primeiro e segundo clasificado serán agasallados cun trofeo.

Compartir: