ALCALDÍA E DEPORTE

O renovado campo de Santa Isabel acolle o Campionato de España de seleccións autonómicas femininas sub-15 e sub-17

14/12/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou hoxe as instalacións do recentemente remodelado campo de fútbol de Santa Isabel, acompañado pola concelleira de Deporte, Noa Morales; concelleiros e concelleiras da Corporación e unha representación dos clubs da cidade, ademais da futbolista compostelá Vero Boquete.

O renovado campo acolle durante esta fin de semana a primeira fase do Campionato de España feminino de seleccións autonómicas sub-15 e sub-17, "grazas ás melloras que durante os últimos meses se fixeron na instalación e que ascenderon a 600.000 euros", tal e como sinalou ante os medios a edila de Deporte. Así, a intervención realizada centrouse na mellora das condicións de accesibilidade e uso da bancada, así como na renovación completa do céspede.

Obras
Durante o percorrido polo campo comprobaron os cambios que sufriu durante a intervención, coa construción dunha nova rampla e dunha escaleira adaptada ás normativas de accesibilidade, a incorporación dun aseo adaptado, redistribución dos sectores da grada, repintado e saneamento da bancada, así como a mellora do acceso ao campo, entre outras actuacións.

No que ten que ver co céspede realizouse un importante investimento, renovándoo por completo para mellorar o confort das persoas usuarias, que contan a partir de agora cun terreo de xogo coas mellores condicións para adestrar e competir. O campo de Santa Isabel equipouse cun sistema de céspede artificial Dual Pro de 45 milímetros de altura, con subbase elástica prefabricada e recheos técnicos Natural Mix, que conta co nivel máximo de certificación de calidade de céspede artificial da FIFA, que se denomina FIFA Quality Pro. Tan só este campo e catro máis no Estado contan con esta certificación.

Ademais do céspede, renovouse completamente o equipamento con novas porterías de fútbol 11 e fútbol 8, bancos novos e parabalóns perimetrais. A Corporación tamén visitou a nova zona de adestramento para porteiros e porteiras de 800 metros cadrados que se instalou a carón do campo. Conta con idénticas calidades que o terreo principal, ao que se lle instalou un sistema de iluminación LED de baixo consumo enerxético.

Tamén se renovou completamente o sistema de rego, mediante execución de canóns emerxentes ocultos para evitar interaccións non desexadas cos xogadores e xogadoras durante os partidos e evitar lesións.

Deporte feminino
Noa Morales e Martiño Noriega fixeron fincapé na importancia de que as Federacións Galega e Española de Fútbol tiveran elixido Compostela como lugar de celebración da primeira fase do Campionato de España feminino de seleccións autonómicas sub-15 e sub-17, que se celebra ata o domingo en Santa Isabel.

Tras a visita as instalacións, a Corporación municipal fixo unha foto de grupo coas xogadoras das seleccións estremeña e galega sub-15, que foron as protagonistas do partido inaugural do torneo tras o saque de honra de Verónica Boquete. Tras este encontro, estaba previsto outro entre as mesmas seleccións en categoría sub-17. A concelleira destacou que este campionato "supón a volta da selección galega de fútbol feminino, impulsa o deporte de base e pon en valor e visibiliza o fútbol feminino, que merece un oco moito maior do que ten no mundo do deporte".

Xa o sábado 15, no mesmo horario, competirán Castela e León e Estremadura, mentres que para o domingo 16 quedan os partidos entre Galicia e Castela e León, tamén no mesmo horario de mañá.

Nesta primeira fase súmanse os puntos conseguidos e arrástranse para unha segunda fase que se disputará en febreiro. As catro seleccións de cada categoría que logren o maior número de puntos sumando as dúas fases clasificaranse para a fase final.

Este campionato, organizado pola Federación Galega de Fútbol por delegación da Real Federación Española de Fútbol, reune en Santiago de Compostela a máis de 100 xogadoras, ás que hai que sumar os/as integrantes das diferentes delegacións, persoal de organización e familias.

Compartir: