NADAL

O Nadal chega a Compostela co acendido da iluminación e a apertura da pista de xeo

28/11/2018 O Nadal chega nestes días a Santiago co acendido da iluminación de Nadal, mañá xoves, e a apertura da pista de xeo da Alameda, o próximo 1 de decembro.

As luces de Nadal, que xa levan semanas instaladas por toda a cidade, funcionarán dende o 29 de novembro ata o 6 de xaneiro. Estarán acendidas dende as 18:00 h ata as 2:00 h, agás nos días máis sinalados das festas (24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro), nos que se manterán acendidas ata o amencer.

A iluminación deste ano mantén o modelo do ano pasado, posto que a súa instalación fora adxudicada á empresa Iluminaciones Santiaguesas cun contrato plurianual. Así, haberá decoración en ámbitos da cidade histórica que ata o pasado Nadal non tiñan adornos, como Pastoriza, Basquiños, Santa Clara, San Roque, San Miguel dos Agros, Galeras, Pombal, Carretas, o Tránsito da Mercé ou a rúa da Ensinanza. No Ensanche, introducíranse elementos por primeira vez o ano pasado en Rosalía de Castro, rúa Nova de Abaixo, A Rosa, Romero Donallo, Ramón Cabanillas ou Fernando III O Santo. Como novidades, os elementos decorativos chegaran tamén ás parroquias do rural e a edificios singulares como a antiga Casa do Concello da Praza de Cervantes, a sede do Consorcio ou o Teatro Principal.

Pista de xeo
O próximo sábado, 1 de decembro, abrirá as súas portas a pista de xeo, localizada no paseo central da Alameda. As instalacións permanecerán abertas ata o 27 de xaneiro.

De luns a venres, o horario será de 9:00 a 14:00 horas para centros escolares e de 16:30 a 22:00 horas para o público xeral. Os sábados e domingos terá horario ininterrompido de 11:00 a 22:00 horas, con sesións nocturnas de 22:00 a 2:00 horas os venres, sábado e vésperas de festivo. O horario verase modificado durante as vacacións de Nadal, abrindo os sete días da semana de 11:00 a 22:00 horas.

Os prezos mantéñense como o ano pasado, cunha entrada de 4,50 euros para escolares e de 8 euros para a entrada xeral con patíns, que dá dereito a sesións de 50 minutos.

Compartir: