ACCIÓN CULTURAL

Un total de 36 entidades profesionais e sen ánimo de lucro benefícianse da convocatoria aberta de axudas culturais

27/11/2018 Un total de 36 entidades, 14 delas profesionais e outras 22 sen ánimo de lucro, vanse beneficiar da convocatoria aberta de axudas de apoio a procesos e actividades culturais impulsadas pola Concellaría de Acción Cultural. En total, repartiranse 150.000 euros. A concelleira Branca Novoneyra mostrou a súa satisfacción co resultado desta convocatoria, que "supón un importante cambio na política de axudas á cultura que aposta pola concorrencia competitiva".

A concelleira de Acción Cultural deu conta hoxe da resolución da convocatoria, que tiña como obxectivo "fomentar a autonomía e a consolidación do tecido cultural de Compostela, e contribuír a paliar a precariedade laboral no sector". Branca Novoneyra explicou que, en total, repartíronse 150.000 euros, "cifra que triplica á anterior convocatoria en 2016 e que está moito por riba das últimas axudas deste tipo, convocadas en 2008 e nas que se repartiran 40.000 euros". A edil salientou a aposta pola concorrencia competitiva no reparto de axudas ás entidades culturais "fronte aos convenios nominativos, que queremos limitar a proxectos únicos que non se poidan desenvolver nin desde o ámbito público nin desde o sector privado". Nesta liña, Novoneyra apuntou que no que levamos de mandato as axudas nominativas no sector da cultura reducíronse de 20 a 9.

Sector profesional e entidades sen ánimo de lucro
A concelleira de Acción Cultural explicou que esta convocatoria realizouse en dúas modalidades: persoas e entidades profesionais do sector cultural e entidades sen ánimo de lucro.

No caso das axudas dirixidas a persoas e entidades profesionais do sector cultural, a dotación total da convocatoria era de 100.000 euros. Cada solicitante podía recibir un máximo de 15.000 euros, ata o 80% do custo da actividade subvencionable. Finalmente, o orzamento distribuíuse entre 14 persoas e entidades, de diferentes disciplinas. Así, haberá axudas para entidades como 7H Cooperativa Galega, Títeres Cachirulo, Culturactiva ou Numax, e para artistas como a coreógrafa Isabel Sánchez Temprano, o músico Luis Vallecillo ou o artista multidisciplinar Berio Molina.

En canto ás axudas para asociacións e entidades sen ánimo de lucro, serán 22 as beneficiadas, que recibirán unha contía total de 50.000 euros. Neste caso, o importe máximo para cada proxecto podía chegar aos 5.000 euros e supor ata o 80% do orzamento da actividade. A concelleira de Acción Cultural salientou "a diversidade das asociacións que resultaron beneficiarias nesta convocatoria, entre as que figuran dende a Fundación Araguaney á Asociación de Antigos Tunos Composteláns, pasando pola Fundación Galiza Sempre, os Amigos da Ópera, a Colexiata do Sar, os cursos internacionais Música en Compostela ou a asociación Eu de Sar de toda a vida".

Criterios de valoración
Branca Novoneyra lembrou que para a concesión destas axudas "en réxime aberto de concorrencia competitiva, creouse un tribunal avaliador presidido polo director-xerente do Auditorio de Galicia e composto por técnicos da área de Cultura e representantes do sector, que se encargaron de puntuar as diferentes propostas tendo en conta cuestións como a traxectoria dos solicitantes, a innovación da proposta, a posta en valor do patrimonio cultural, a integración da perspectiva de xénero, a creación de novos públicos ou o asentamento das propostas no rural".
Para a concelleira de Acción Cultural, "estas axudas son a aposta máis importante do departamento para mudar a política cultural e, se conseguimos manter a convocatoria no tempo, mudaremos a paisaxe cultural de Santiago".

Documentos relacionados



Compartir: