DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Maker Faire Galicia volve ser punto de encontro para os mellores creadores e creadoras de Galicia

23/11/2018 A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, participou esta mañá na inauguración da cuarta edición da Maker Faire Galicia, que se celebra hoxe e mañá sábado na Cidade da Cultura. Durante o acto de apertura, a edila apuntou que "dende o Concello de Santiago témoslle especial querenza a este proxecto, que xurdiu hai algo máis de tres anos nun espazo como Área Central, e do que nos sentimos moi orgullosos e orgullosas".

A Maker Faire Galicia é unha das feiras desta temática máis importantes a nivel europeo e supón un punto de encontro innovador e colaborativo a nivel galego. Ademais da tradicional feira expositiva, onde se poden ver as recentes e innovadoras creacións das e dos makers participantes, hai un amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos como charlas, obradoiros, parkour ou carreiras de coches DIY. Tamén chaman a atención o exclusivo circuíto de drons no túnel subterráneo da Cidade da Cultura ou a Hebocon, un campionato de robots para familias. Coma todos os anos, as charlas son un dos pratos fortes do evento.

Destaca tamén a integración de conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades tech de Galicia.

Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Xornada profesional
Ademais da feira dos días 24 e 25, a Maker Faire Galicia dedicou, por segundo ano consecutivo, unha xornada dirixida unicamente ao sector profesional, na que contou con referentes a nivel internacional no ámbito da innovación. A cita tamén tivo lugar hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Direccións relacionadas



Compartir: