ACCIÓN CULTURAL

Última fin de semana de Cineuropa: debates, encontros, moito cine e o tradicional maratón

22/11/2018 A programación deste venres no festival Cineuropa comezará cun necesario debate sobre a situación das mulleres tralladoras do sector audiovisual. O evento, que terá lugar ás 12:00 h no Museo das Peregrinacións, terá como título: "Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios" e nace coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico a diferentes niveis e dende as máis amplas perspectivas profesionais, para concluír posibles liñas de acción. As cineastas Anxos Fazáns, Jaione Camborda, María Ruido e a actriz Tamara Canosa conformarán a mesa, que será moderada pola tamén actriz e comunicadora Nieves Rodríguez.

A gran festa do cine de cada edición de Cineuropa que é o maratón, dará comezo ás 22:15 h no Teatro Principal. Nesta 32ª edición serán 745 os minutos de cinema repartidos en oito filmes: Border, de Ali Abbasi; What keeps you alive, de Colin Minihan; Ghostland, de Pascal Laugier; Santa Sangre, de Alejandro Jodorowsky; El gran amor del Conde Drácula, de Javier Aguirre; Síntomas, de José Ramón Larraz; Escalofrío, de Carlos Puerto, e un filme sorpresa.

Pero ao longo do día haberá tamén varias estreas. Ás 17:45 h, no Teatro Principal, dará comezo The man who surprised everyone, dos rusos Natalya Merkulova e Aleksey Chupov, un filme imprevisible que se erixe en obra de emancipación, como un milagre entre Dreyer e o máis xenuíno e efectivo activismo LGTBI. A continuación, ás 19:45 h, no mesmo Principal, o novo de Bi Gan que cativou na sección Un certain regard de Cannes: Longa viaxe do día cara a noite. Con ecos de In the mood for love, a procura dun antigo amor percorre a película e, transcorrida unha hora, Bi Gan introduce os créditos como dun comezo. En efecto, asistimos a unha proeza iniciática: os 50 minutos restantes do filme son un único plano-secuencia no que o encontro dos amantes se respira como algo onírico, como un baile de ambos sobrevoando literalmente a realidade.

Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá ás 18:00 h a estrea de Diane, de Kent Jones, unha viaxe o fondo da insatisfacción dunha muller que parece lastrada polos problemas dos seres queridos aos que coida, e que respira moito de elexía pola nai do propio cineasta.

Ao longo da xornada deste venres poderemos atoparnos con cineastas como Charlotte Serrand e Ángel Filgueira, que visitan Cineuropa para presentar os seus filmes: 1048 lúas e Sevilla y Gomorra. O Museo das Peregrinacións acollerá ambas as dúas proxeccións ás 20:00 e 21:30 horas, respectivamente.

Direcciones relacionadas



Compartir: