ACCIÓN CULTURAL

Fran Pintadera e Christian Inaraja reciben o Premio Compostela de Álbums Ilustrados pola súa obra "Cándido y los demás"

21/11/2018 O Salón Nobre acolleu o acto de entrega do XI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado pola Concellaría de Educación e Cidadanía en colaboración coa editorial Kalandraka. O alcalde, Martiño Noriega, entregou o galardón a Fran Pintadera e Christian Inaraja, escritor e ilustrador de Cándido y los demás.

Da obra gañadora, o xurado destacou "o seu estilo actual, directo e coherente; e a súa riqueza gráfica". En canto á súa temática, a obra de Fran Pintadera e Christian Inaraja "fala de que todos e todas somos diferentes, da mirada dun mesmo cara os demais, e dos demais cara un mesmo".

Licenciado en Psicopedagoxía, diplomado en Educación Social e técnico superior en Integración Social, Fran Pintadera (Las Palmas, 1982) é narrador oral, director de teatro social e escritor de literatura infantil. Participou nos principais festivais de narración a nivel peninsular. A súa obra, publicada por varias editoriais, foi seleccionada pola Fundación Cuatrogatos e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez. En 2017 recibiu o XIV Premio de Poesía Infantil La Luna de Aire.

Christian Inaraja (Vic, 1972) dedícase á ilustración editorial -con máis dun centenar de libros publicados- e o cartelismo, ademais de colaborar como debuxante con varios medios especializados en público infantil e xuvenil. Participou en exposicións tanto en España coma noutros países. É codirector do Festival Europeo de Cortometrajes de Reus, coordinador do departamento de ilustración na Escuela de Arte ILLA de Sabadell, e estivo vinculado ás directivas da Asociación Profesional de Ilustradores de Cataluña e do Consello Catalán para o Libro Infantil e Xuvenil.

Obras de 18 países
Nesta XI edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados participaron 161 obras, chegadas de 18 países. Así, recibíronse títulos dende Italia, México, Brasil, Grecia, Gran Bretaña, Portugal, Rusia, Arxentina, Uruguai, Polonia, Rusia, Irlanda, Alemaña, Francia, Gales, Suíza, Bielorrusia, Canadá e España.

O xurado desta edición estivo formado pola ilustradora italiana Arianna Papini; o ilustrador e editor Miguel Ángel Fernández-Pacheco; o ilustrador Xosé Cobas; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e Manuela Rodríguez, en representación de Kalandraka, actuando como secretaria María Dolores Casás.

Ademais da obra gañadora, o xurado declarou finalista o título A ensartadora de bágoas, presentada polas italianas Anna Pedron e Franca Perini e que fala da capacidade de transformar a dor en forza positiva. Por último, nesta XI edición do certame houbo dúas mencións especiais, para as obras Ninguén coma min (autobiografía dun tirano), de José Ignacio Chao e Eva Sánchez, e A cidade conta historias, da lisboeta Susana María Seixas.

O Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados vénse organizando dende o ano 2001, co obxectivo de fomentar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade. É, ademais, un dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. A editorial Kalandraka publica a obra gañadora nas cinco linguas oficiais da península (galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués), así como en inglés.

Compartir: