ACCIÓN CULTURAL

Novas estreas, encontros con cineastas e a película sorpresa, na xornada deste xoves en Cineuropa

21/11/2018 Entre a programación deste xoves en Cineuropa volvemos salientar varias estreas. Ás 18:15 h exhibirase What keeps you alive, un trepidante filme de supervivencia cuxa acción sitúa o seu director, Colin Minihan, nun nada bucólico bosque. De seguido na mesma sala, ás 20:15 h, teremos a oportunidade de asistir ao primeiro pase de Support the girls, de Andrew Bujalski, unha das películas norteamericanas máis celebradas do curso independente sobre un bar con mozas que visten de forma provocadora pero que traballan baixo a protección da súa xefa, unha singularísima coach que as axuda a superar os malos tratos do pasado. Por otra banda, unha das citas inescusables de cada edición do festival, a proxección da película sorpresa, dará comezo ás 22:00 h no mesmo Principal. Como manda a tradición, transmitiranse unha serie de pistas sobre o filme ao longo da xornada a través das redes sociais.

O Salón Teatro acollerá ás 16:30 h a exhibición dunha das apostas programáticas desta edición. Trátase de Mulleres experimentalistas de América Latina, un programa composto de nove curtas realizadas por diferentes autoras e que, segundo a curadora e restauradora uruguaia Ángela Ruiz, "é abordado dende unha perspectiva feminista decolonial que procura indagar nos posibles desbordes e implicacións epistémicas dos termos ‘muller latinoamericana’ e ‘artista latina’, para compoñer un mapa de empatías conceptuais, estratexias coincidentes e redes afectivas que traspasaron barreiras xeopolíticas e apostaron pola subversión do canon modernista".

Outra estrea para non perder será a gañadora do Un certain regard de Cannes. Trátase de Border, de Ali Abbasi (Salón Teatro ás 20:00 h), que só poderemos ver de novo dentro do maratón. O filme é unha intelixente mestura de romance, cinema negro, realismo social e terror sobrenatural que non deixará indiferente a ninguén. Previamente a este pase (ás 18:15 h), exhibirase Vivir y otras ficciones, un documental bravo e radical de Jo Sol sobre a sexualidade das persoas con diversidade funcional necesario e moi didáctico.

Outras citas ineludibles deste xoves serán os encontros cos cineastas. Esta tardiña compartirán tempo e espazo connosco María Ruido, que presentará Mater Amatísima ás 18:30 h no Museo das Peregrinacións; Eugenio Canevari, que presentará novamente Figuras no mesmo Museo ás 20:00 h, e Mariano Llinás, con quen poderemos departir sobre La flor no Cinema Numax ás 18:00 h.

Direccións relacionadas



Compartir: