DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Todo listo para a cuarta edición da Maker Faire Galicia, que se celebra o 24 e o 25 de novembro

21/11/2018 A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os detalles da cuarta edición da Maker Faire Galicia, que se celebra na Cidade da Cultura o 24 e 25 de novembro. Na rolda estivo acompañada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e pola coordinadora da Maker, Matilde Rodríguez.

A Maker Faire Galicia é unha das feiras desta temática máis importantes a nivel europeo e supón un punto de encontro innovador e colaborativo a nivel galego. Ademais da tradicional feira expositiva, onde se poderán ver as recentes e innovadoras creacións das e dos makers participantes, haberá un amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos como charlas, obradoiros, parkour ou carreiras de coches DIY. Tamén chaman a atención o exclusivo circuíto de drons que terá lugar no túnel subterráneo da Cidade da Cultura ou a Hebocon, un campionato de robots para familias. Coma todos os anos, as charlas serán un dos pratos fortes do evento.

Destaca tamén a integración de conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades tech de Galicia.

Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Xornada profesional
Ademais da feira dos días 24 e 25, a Maker Faire Galicia dedica, por segundo ano consecutivo, unha xornada dirixida unicamente ao sector profesional, na que contará con referentes a nivel internacional no ámbito da innovación. A cita terá lugar na mañá do 23 de novembro de 9:00 a 16:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

A xornada versará arredor da tecnoloxía, co foco posto no design thinking, a innovación na robótica ou a ciencia, e contará coas experiencias de Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design) ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom.

Zoe formará parte dunha mesa de debate sobre a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, a cal creou unha impresora 3D capaz de imprimir casas por menos de 1.000 euros. No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.

Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos por makers, na súa maioría de Galicia, que terán a oportunidade de presentar as súas creacións ante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

Os e as profesionais interesadas en asistir como público a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario no cal, tras cubrir os seus datos, poderán conseguir a súa acreditación.

Direcciones relacionadas



Compartir: