PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio, na Feira de Turismo China CTIM 2018

20/11/2018 O Grupo Cidades Patrimonio vén de participar na feira de turismo China International Travel Mart (CITM), unha das feiras máis importantes de Asia, que tivo lugar entre o 16 e 18 de novembro na cidade de Shanghai. A feira está dirixida a todos os sectores da industria turística, tanto na vertente profesional como na de público final.

A coordinación da presenza do Grupo nesta feira foi realizada pola Oficina Española de Turismo (OET) en Beijing e enmárcase dentro do acordo de colaboración que dende hai anos o Grupo mantén con Turespaña e a Secretaría de Estado de Turismo para a súa promoción internacional. Durante a feira, as 15 Cidades Patrimonio dispuxeron dun espazo de traballo dentro do destinado a España, dende o que mostraron a súa oferta turística e a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica.

Esta acción pretende reforzar a presenza das Cidades Patrimonio no mercado emisor chinés e presentalas como destinos turísticos de calidade baixo o selo común de Unesco.

O mercado de China
O mercado chinés está a experimentar unha rápida e profunda transformación como consecuencia do aumento da clase media, da axilización na política de tramitación de visados e da constante apertura de rutas aéreas directas con destinos internacionais. Ademais, aínda que actualmente só o 10% da poboación dispón de pasaporte, prevese que no ano 2025 serán 150 millóns de cidadáns chineses os que dispoñerán del, de forma que as viaxes internacionais alcanzarán os 220 millóns (Goldman Sachs).

Os/as turistas chineses/as fan as viaxes ao estranxeiro cada vez de forma máis independente, deixando atrás as viaxes en grupo, e teñen entre os seus principais intereses a arte e a cultura, as compras, a gastronomía e o turismo urbano.

O ano 2016 supuxo un importante punto de inflexión no que se refire á conectividade aérea entre España e China, pasando de dispoñer de só dúas rutas directas a seis. Adicionalmente, en 2017 abríronse dúas novas conexións, e en marzo deste ano abriuse a ruta Shenzhen-Madrid de Hainan Airlines, de forma que, actualmente, existen nove conexións directas.

No ano 2017 visitáronnos 515 mil turistas chineses, o que supón un crecemento do +37,4% respecto ao ano anterior. O gasto, 795 millóns de euros, tamén rexistrou un avance (+18,0%), así como as pernoitas hostaleiras (+28%). Fundamentalmente viaxaron sen paquete turístico (72 %) e as principais actividades que realizaron foron compras (74%), visitas culturais (65%) e visitas a cidades (58%). No acumulado dos oito primeiros meses de 2018, as pernoitas hostaleiras do mercado chinés mostran un crecemento do +6,7% (INE).

A pesar dos significativos crecementos rexistrados nos anos anteriores, a cota de España neste mercado está aínda nos niveis típicos dun mercado emerxente (0,85%).

Dentro do conxunto de accións de promoción e comercialización acometidos polo GCPHE, os mercados emisores asiáticos están a cobrar cada vez máis relevancia. Estes mercados de longa distancia achegan un número considerable de visitantes ao noso país e ás nosas Cidades.

Compartir: