CONSORCIO

A RFG e o Consello da Cultura Galega presentan un disco con obras inéditas do compositor José Arriola

20/11/2018 A Real Filharmonía de Galicia presenta mañá mércores, 21 de novembro, o seu último disco: José Arriola. Orchestral Music, con obras inéditas do compositor galego. Será ás 12:00 horas no Auditorio de Galicia.

Este disco é o resultado dun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega, que se iniciaba entre 2010 e 2011 coa gravación no Auditorio de Galicia dun dobre CD, que sae agora á luz da man do selo discográfico Brilliant Classics.

No acto de presentación estarán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o mestre Maximino Zumalave, director asociado da Real Filharmonía de Galicia e responsable tamén da dirección do disco.

Este dobre CD é unha homenaxe ao betanceiro José Arriola (1895-1954), o compositor galego máis universal do seu tempo e un dos máis relevantes dentro do panorama nacional, coñecido como o "Mozart galego" debido ás súas precoces composicións.

Compartir: