ALCALDÍA

Alumnado do CEIP López Ferreiro, protagonista dun pleno infantil con motivo do Día da Infancia

20/11/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu esta mañá un pleno moi especial, no que os nenos e nenas de sexto de primaria do CEIP López Ferreiro exerceron como concelleiros e concelleiras. A sesión que acolleu o Salón de Plenos municipal pretendía conmemorar o 20 de novembro, día mundial da Infancia.

O rexedor estivo acompañado dos voceiros do PP, Agustín Hernández, e do PSOE, Paco Reyes; e da voceira do BNG, Goretti Sanmartín, así como da concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centro Cívicos, Concha Fernández.

Os nenos e nenas estiveron traballando nas semanas previas sobre a Convención sobre os dereitos do neno para poder achegar durante o pleno a súa visión de como se ve reflectido este documento na súa vida diaria e a de millóns de nenos e nenas que viven en países menos desenvolvidos. Así, o alumnado incidiu en catro aspectos que recolle esta Convención como a non discriminación, o interese superior do neno e nena, o dereito á vida e a participación dos menores de idade.

O pleno tamén serviu para que o alumnado dos centros poida achegarse a coñecer o día a día das institucións, neste caso do Concello como administración máis próxima.

Rematadas as intervencións, Martiño Noriega felicitou os nenos e nenas polo bo traballo realizado pero, sobre todo, por reivindicar os dereitos dos nenos e nenas dos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. Finalizado o pleno, os/as escolares coñeceron as dependencias municipais acompañados/as da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

Máis actividades
Coa mesma idea de dar visibilidade o Día Mundial da Infancia realizaranse actividades que se implementarán nos centros escolares a partir do 20 de novembro e que versan sobre a temática do "bo trato".

A Asociación Arelas será a encargada de dar unha charla informativa sobre diversidade sexual, co foco posto na transexualidade infanto-xuvenil. Terá unha duración de hora e media e está dirixida a alumando de Primaria. Tamén se desenvolverá unha actividade de sensibilización sobre o acoso escolar, dunha hora de duración, dirixida a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, a cargo de Rosa Álvarez Prada, directora técnica do Plan Comunitario de Vite.

Finalmente, a Tropa Verde realizará un obradoiro de reutilización que leva por nome "Recicla, reutiliza e xoga coa Tropa Verde", dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 10 anos.

Compartir: