ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello e o colectivo A Rula colaboran na posta en valor do patrimonio rupestre de Compostela

15/11/2018 A Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade e o colectivo A Rula celebran o Día Internacional do Patrimonio cunhas visitas nocturnas ao Castriño de Conxo o vindeiro sábado, 17 de novembro. Haberá dúas quendas para realizar o percorrido.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o presidente do colectivo A Rula, Luis Leclere, presentaron hoxe a actividade, que se enmarca na celebración do Día Internacional do Patrimonio, que se conmemora o 16 de novembro. O edil explicou que "esta será a primeira dunha serie de visitas para coñecer o patrimonio do parque Compostela Rupestre, unha vez que este proxecto botou a andar coa colaboración dos concellos de Santiago, Ames, Teo, Brión, Boqueixón e Val do Dubra, e co financiamento da Deputación da Coruña". Duarte apuntou que "xa se está traballando na limpeza e acondicionamento do contorno do monte de San Miguel de Villestro, que tamén alberga importantes petróglifos catalogados en 2016".

O presidente do colectivo A Rula mostrou a súa satisfacción porque "por fin vexamos convertido en realidade o proxecto do parque Compostela Rupestre, no que empezamos a traballar hai xa cinco anos, e que agora é posible porque fomos quen de sensibilizar á clase política para garantir a conservación deste patrimonio". Luis Leclere apuntou que "a partir de agora teremos que traballar na sensibilización da veciñanza, e en particular da propiedade dos terreos nos que se atopan os petróglifos, dende o convencemento de que hai unha clara predisposición para conservar e poñer en valor estes elementos". Nesa liña, Jorge Duarte e os responsables da Rula mantiveron onte mesmo unha xuntanza coa veciñanza de Villestro, para explicar o proxecto do parque Compostela Rupestre e as accións de limpeza dos montes e apertura de camiños que se van desenvolver ao seu abeiro.

Castriño de Conxo
En canto á visita do sábado, o presidente da Rula sinalou que o Castriño de Conxo "é o petróglifo que máis literatura científica ten xerado a nivel galego, porque a súa descuberta no ano 35 permitiu establecer unha datación para unha gran parte do fenómeno da arte rupestre galega". Ademais, trátase dun petróglifo recoñecido pola veciñanza, que "mantivo o vínculo con este elemento e introduciuno no seu folclore".

As visitas nocturnas realizaranse en dúas quendas, ás 19:30 e ás 21:00 horas. O límite de prazas para cada un dos percorridos é de 30, e para a primeira quenda, o aforo xa está completo. Unha vez superadas as prazas ofertadas, as demais inscricións quedarán nunha lista de agarda por se houbera baixas nalgunha das quendas. As persoas interesadas en participar deben cubrir un formulario que poden atopar no Facebook, no Twitter e no blog do colectivo A Rula.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: