CONSORCIO

Este venres, último día para visitar na Casa do Cabido a exposición que percorre os 170 anos da Banda Municipal

14/11/2018 A exposición A Banda Municipal de Santiago. 170 aniversario, situada na Casa do Cabido dende mediados do pasado mes de setembro, fai un percorrido pola historia da agrupación, dende as súas orixes ata a actualidade. O derradeiro día para visitala é o vindeiro venres, 16 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

A mostra, que tivo unha moi boa acollida de público durante estes dous meses, aglutina os momentos máis relevantes da Banda Municipal de Santiago, unha das máis antigas do panorama nacional. Logo de preto de dous séculos de vida, atópase entre as poucas que perduran dende o seu nacemento ata os nosos días.

No ano 1848, a agrupación preséntase á cidade como centro formativo de instrumentistas que pertencían principalmente á Casa Hospicio. En 1876 pasa a depender directamente do Concello, que decide profesionalizala e regulala no que se refire ás condicións de ingreso dos músicos que a constitúen, feito que se evidencia de xeito rotundo no ano 1894. Entre os anos 1959 e 1964 tivo que disolverse debido á mala situación económica que atravesaba o Concello.

Esta mostra parte do traballo de investigación da musicóloga Beatriz Cancela, cuxa tese de doutoramento culminou no libro La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848, editado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora e que se presentaba o ano pasado na cidade.

Proxección de vídeos antigos da Banda
A exposición divídese en cinco partes que repasan as etapas da agrupación, con fotografías de cada época, un achegamento biográfico á vintena de mestres que a dirixiron, partituras de obras inéditas compostas por membros da banda e arranxos de grandes pezas sinfónicas que acercaron o sinfonismo europeo á cidade e ao resto de Galicia, instrumentos, premios, documentos diversos e mesmo diferentes uniformes que luciron os músicos. Incorpora tamén material inédito que foi aparecendo logo da publicación do libro. Ademais, proxéctanse vídeos antigos da banda e tamén dos actos do seu 170 aniversario.

Compartir: