CONSORCIO

Unha publicación analiza as monteas do século XVIII achadas na igrexa do convento de Santa Clara

14/11/2018 O Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny acaban de publicar o libro Las monteas del convento de Santa Clara de Santiago de Compostela, unha obra do historiador Miguel Taín Guzmán e do arquitecto José Calvo López. Presentouse este mércores na Fundación Torrente Ballester. No acto estiveron, ademais dos autores, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto a Belén Fortes, da editorial Guiverny.

En 2014, o Consorcio de Santiago retirou a tarima de madeira que forma a capa superior do pavimento da igrexa do convento de Santa Clara, debido ao seu mal estado de conservación e co fin de proceder á súa renovación. Naquel intre observouse, baixo a tarima, unha gran cantidade de trazados inscritos sobre as lousas de granito que constitúen a base do pavimento.

Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio recoñeceron un gran trazado situado no cruceiro do lado da epístola, que representa con notable fidelidade o remate ou coroación da fachada da portería do convento. Logo identificáronse outros debuxos repartidos por toda a igrexa. Ao estaren protexidos pola tarima de madeira, os trazados presentan un bo estado de conservación en xeral.

Guía para os canteiros
Durante varios séculos, unha vez feito o plano en papel, durante o proceso construtivo realizábanse no solo ou nos muros dos edificios debuxos a escala real, gravándoos na pedra cun punzón metálico. Servían de guía aos canteiros para tallar, construír e situar os distintos elementos construtivos. Adoitaban facerse no lugar do seu emprazamento final ou nas súas proximidades.

As monteas de Santa Clara datan do século XVIII, da década de 1720, baixo a dirección do mestre Simón Rodríguez, formado na Catedral de Santiago e considerado o mellor arquitecto galego do barroco dese século. Foron realizadas para unhas obras de ampliación e melloras do convento, en particular para a construción do último corpo da fachada da portería, así como da talla do seu complexo aparato decorativo. Elixiuse a igrexa como sala de trazados, debido á súa proximidade á obra que se ía executar, unha superficie de traballo idónea, ampla, e ademais protexida das inclemencias do tempo.

Unha vez descubertas as monteas, iniciouse unha análise exhaustiva das mesmas por parte do catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín Guzmán, especializado en Historia da Arquitectura, en particular do barroco; e de José Calvo López, profesor de Xeometría Descritiva e de Historia da Construción da Universidad Politécnica de Cartagena. Os dous levan unha década colaborando xuntos no estudo das monteas aparecidas tanto en Galicia como no resto de España.

En primeiro lugar fotografouse con detalle cada debuxo para ter documentado todo o conxunto. Logo a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargouse de plasmalos en papel para poder comparalos coa obra finalmente executada. E o último paso foi reproducir sobre a tarima do chan todos os debuxos. A nova tarima colocouse de xeito que se facilita o acceso aos investigadores que queiran analizar estas monteas.

O mellor exemplo do barroco en Europa
Este traballo establece 24 grupos de monteas, dos que 21 corresponden á igrexa e tres a monteas existentes noutras dependencias do convento. "O relevante destes debuxos, que destacan tanto pola súa cantidade e dimensións como pola súa calidade, é que nunca ata o de agora apareceran monteas dun edificio practicamente completo. É a primeira vez que aparece o conxunto de trazados necesarios para construír todo un inmoble. Trátase dun caso excepcional en Europa. Este achado permite comparar a igrexa de Santa Clara coas poucas salas de trazado conservadas no mundo, como as existentes nas catedrais de York, Wells, Sevilla ou a de Santiago. Pero a dimensión deste conxunto supera amplamente a destes casos, converténdose no mellor exemplo do barroco en Europa", salienta o profesor Taín.

Estas monteas permiten, ademais, coñecer a mestría no trazo de Simón Rodríguez, de quen ata o de agora só se coñecía un alzado en papel da Torre do Reloxo da catedral compostelá e unha planta e sección da propia catedral. "O achado aporta datos de grandísimo interese non só para o coñecemento da concepción e execución do edificio da portería de Santa Clara, senón tamén para o conxunto da arquitectura barroca galega e, por extensión, da española", indica o profesor.

Compartir: