ALCALDÍA E SAÚDE

Compostela conmemora o Día Mundial da Diabetes

14/11/2018 O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, sumáronse hoxe á conmemoración do Día Mundial da Diabetes. Martiño Noriega e Concha Fernández achegáronse este mediodía á carpa informativa que a Asociación Compostelá de Diabéticos instala cada 14 de novembro na praza do Toural, onde tiveron oportunidade de controlar os seus niveis de glucosa.

O alcalde expresou o seu agradecemento á Asociación Compostelá de Diabéticos por "traballar na concienciación sobre unha enfermidade silente que ten importantes consecuencias para o doente e para as familias". Tamén aproveitou para reivindicar "unha mellora nos accesos a tratamentos que poden ser custosos".

Martiño Noriega e Concha Fernández aproveitaron a súa visita para conversar coas persoas responsables da Asociación Compostelá de Diabéticos e para realizarse as probas da glucosa en sangue. Tamén comprobaron o traballo do Instituto Oftalmolóxico Gómez Ulla, que nesta xornada colabora coa Asociación Compostelá de Diabéticos facendo probas para a prevención da retinopatía diabética no Toural.

Compartir: