ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal celebra o centenario do nacemento de Leonard Bernstein con Isabel María Rubio como directora convidada

14/11/2018 A Banda Municipal de Música converterá o seu concerto do próximo domingo no Teatro Principal nunha homenaxe a Leonard Bernstein, no centenario do nacemento do compositor. Farao, ademais, con Isabel María Rubio como directora convidada.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe o concerto que a Banda ofrecerá o domingo, ás doce do mediodía, no Teatro Principal. Na rolda de prensa tamén participaron o director da formación, Casiano Mouriño, e Isabel María Rubio, directora convidada para ese recital no que a Banda Municipal de Música de Santiago renderá homenaxe a Leonard Bernstein, o compositor estadounidense célebre por ter sido autor de importantes musicais como West Side Story.

No concerto, baixo o título "De Bernstein e os praceres da música", a Banda interpretará pezas do propio Bernstein, pero tamén doutros compositores e compositoras estadounidenses como Aaron Copland, Julie Giroux, Frank Ticheli e Eric Whitacre.

Directora convidada
Para este concerto, a Banda contará como directora convidada con Isabel María Rubio. A actual directora titular da Banda de Lalín e profesora do Conservatorio da vila pontevedresa ten unha ampla experiencia e un extenso currículo no que destaca que foi directora fundadora da Banda Feminina de Galicia e directora titular de diferentes formacións en Murcia. Tamén dirixiu a Joven Orquesta Nacional de España, a Orquestra Filharmónica de la Universitat de Valencia ou a Banda Municipal de Bilbao.

O seu traballo fíxoa merecedora de diferentes premios. Así, foi gañadora dos I Encontros sobre Dirección de Orquestra coa Banda de Bilbao, do I Concurso Internacional de Dirección "Ciudad de Villena", do I Concurso Nacional de Dirección de Orquestra "Villa de Aspe", e do X Concurso "Entre Cuerdas y Metales".

Casiano Mouriño mostrouse moi satisfeito pola colaboración con Isabel María Rubio, porque "profesionais do seu prestixio contribúen a darlle máis prestixio á nosa Banda, e porque queremos poñer en valor o traballo das mulleres directoras, que aínda seguen sendo menos en número pero que veñen pisando forte". Pola súa parte, a directora convidada agradeceu a oportunidade de dirixir a formación compostelá, "e máis nun concerto que recorda ao que foi un gran referente para min, dende que de pequena vía vídeos dos seus concertos para mozos da CBS".

Próximos concertos
Despois do concerto do domingo, a Banda Municipal de Música ten aínda outras tres actuacións programadas dentro do Ciclo de Outono. Para o domingo 25 de novembro está previsto un concerto de homenaxe aos xubilados da Banda, baixo o lema de "Lembranzas"; e o domingo dous de decembro a Banda ofrecerá un concerto con Andrea Gasperin como director convidado.

Na axenda dos próximos meses destaca o concerto previsto para o martes 4 de decembro, a partir das 19:30 horas no Auditorio de Galicia. O recital xuntará a Banda Municipal de Música de Santiago e a Asociación de Músicos de Bandas Profesionais, e contará con Casiano Mouriño, Luis Cobos e Rafael Sanz-Espert como directores.

Compartir: