CONSORCIO

Este mércores remata o prazo para que nenos/as de 5 a 14 anos se inscriban no curso de corda da Escola de Altos Estudos Musicais

13/11/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, préstalle unha especial atención á formación musical dos máis pequenos e pequenas. Así, o centro pon en marcha unha nova edición do curso de corda para nenos/as, centrado nesta ocasión nas especialidades de violín e violoncello. As clases comezarán en novembro e prolongarase ata o mes de maio de 2019.

Esta iniciativa diríxese a rapaces e rapazas, estudantes de corda, de entre 5 a 14 anos de idade. O centro ofrece un total de 16 prazas. Delas 12 son para a especialidade de violín e 4 para a de violoncello. Os/as profesores/as son docentes da propia Escola e, á súa vez son, na súa maioría, músicos integrantes da Real Filharmonía de Galicia.

Audición o 20 de novembro
O alumnado interesado en participar neste curso deberá presentar unha solicitude ata o 14 de novembro, a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Para acceder ao mesmo, o 20 de novembro, ás 16:30 horas, realizarase unha audición na sede da EAEM, onde os/as aspirantes deberán interpretar unha obra de libre elección.

En canto aos contidos desta experiencia formativa, serán un mínimo de dez horas de preparación individual repartidas ao longo de todo o curso. Tamén haberá un mínimo de cinco horas de actividades colectivas de agrupación instrumental. E, ademais, realizarase un concerto de fin de curso, no mes de xuño, onde o alumnado interpretará tanto obras individuais como de conxunto como colofón aos seus estudos.

Compartir: