CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en directo a banda sonora ao filme mudo "O gabinete do Doutor Caligari"

12/11/2018 No marco da 32ª edición do festival Cineuropa, este mércores, 14 de novembro, proxectarase o filme O gabinete do Doutor Caligari, de Robert Wiene. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. De maneira simultánea á proxección desta película muda, a Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a súa banda sonora. A batuta levaraa o director alemán experto en cinema mudo Helmut Imig. Substituirá ao mestre Timothy Brock -autor ademais da música que tocará a orquestra-, debido a que, por razóns alleas á RFG, cancelou a súa participación neste concerto.

A película alemá O gabinete do Doutor Caligari (1919) relata a historia de dous amigos. Francis anima o seu compañeiro Alan para que vaian a Holstenwall, unha cidade do norte de Alemaña, a ver o espectáculo ambulante do doutor Caligari. Un empregado municipal que lle nega ao doutor o permiso para actuar, aparece asasinado ao día seguinte. Francis e Alan visitan ao doutor Caligari e a Cesar, o seu axudante sonámbulo, que lle anuncia a Alan o seu porvir: vivirá ata o amencer.

O gabinete do Doutor Caligari é considerado como o nacemento do cinema expresionista, pero tamén do xénero de terror. Pedra angular do movemento expresionista, reúne as características técnicas e estéticas do xénero, sendo unha das películas máis representativas da súa época pola intelixencia das súas ideas, pola fina liña que debuxa entre a tolemia e a cordura e polo seu desenvolvemento en íntimos espazos persoais.

A música que interpretará a RFG nesta ocasión é do director e compositor estadounidense Timothy Brock (1963), que realizou por encargo da Filharmónica de Bruxelas para unha nova estrea da película en 1997. Restaurou as partituras de grandes obras mestras do cinema mudo, en particular as bandas sonoras de boa parte das películas de Charles Chaplin. Como compositor escribiu unha trinta de partituras orixinais para filmes mudos.

Helmut Imig, un recoñecido restaurador de partituras orixinais
O mestre Helmut Imig, natural da cidade alemá de Bonn, estudou Dirección e Piano na Musikhochschule en Colonia. De maneira simultánea, estudou Musicoloxía na Universidade de Bonn. Máis tarde consegue unha bolsa para continuar a súa formación en París. Despois de trinta anos de experiencia como director de orquestra, foise especializando en música de vangarda. E, dende hai vinte anos, traballa no campo da música para películas mudas. Restaurou partituras orixinais de diferentes compositores. Coas súas propias instrumentacións, realiza xiras por países de toda Europa, América e Oceanía.

Compartir: