IGUALDADE E MOCIDADE

O Centro Xove da Almáciga acolle unha mostra de banda deseñada para concienciar sobre as violencias machistas na adolescencia

09/11/2018 As concelleiras de Igualdade e de Mocidade, Marta Lois e Noa Morales, visitaron hoxe a exposición de banda deseñada da artista María Álvarez "Yupiyeyo". Trátase dunha acción levada a cabo por ambos departamentos ao abeiro da campaña En negro contra as violencias.

Segundo explicou Marta Lois, "esta exposición é o resultado do estudo sobre violencias machistas na adolescencia temperá que agora se plasma nestas 10 bandas deseñadas". Estará todo o mes de novembro no centro e "permitirá aos e ás adolescentes que se acheguen ata aquí ver plasmados determinados comportamentos e estereotipos de xénero como o amor romántico o control ou os celos".

Noa Morales amosou a satisfacción do seu departamento por poder colaborar coa iniciativa, "cuxos resultados están feitos nun formato e nunha linguaxe moito máis accesible para a xente moza de Compostela". Nesa mesma liña se pronunciou María Álvarez, quen asegurou que "o máis complicado foi atopar a mellor forma de conectar coa xuventude, así como crear e deseñar personaxes que foran capaces de chegar aos mozos e mozas".

Esta exposición comezará a percorrer os oito institutos que participaron no estudo sobre as violencias a partir do 1 de decembro e virá acompañada dunha guía onde aparecen as principais conclusións do mesmo e as dez viñetas de banda deseñada.

Compartir: