ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa acolle as estreas de "Dogman" e "Deslembro"

08/11/2018 O venres celebraranse varias citas cinematográficas ineludibles en Cineuropa. Ás 20:00 h, poderemos ver no Teatro Principal o último filme de Matteo Garrone, autor da exitosa Gomorra. O filme, que recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Cannes, relata un caso criminal real que conmocionou Italia, un salvaxe pulso entre un perruqueiro de cans e un boxeador nun arrabalde romano, nun duelo excepcional dos seus actores, Edoardo Pesce e Marcello Fonte.

Ás 22:00 h, no Salón Teatro, comezará a emotiva Deslembro, o novo filme con toques autobiográficos de Flavia Castro, que se centra na figura de Joanna, unha adolescente filla dun desaparecido pola ditadura brasileira, e o seu desexilio obrigatorio, que a conecta esa memoria que lle foi borrada polo tempo, a imaxinación e a información fragmentada. Un relato de iniciación á vez poético e político, entrañable e necesario.

Á mesma hora, pero no Principal, comezará The Guilty, un thriller de orixinalidade esmagadora. O sueco Gustav Möeller é quen de soster o ritmo frenético nun suspense xerado dende un espazo mínimo: un policía e un teléfono. De aí, o manexo do son, dos sabios golpes de guión que atrapan e bandean con mestría e sen descanso, no que son imaxes só suxeridas pola conversación.

A programación dos Multicines Compostela comezará ás 17:30 h cun pase gratuíto de Benvenuta, de André Delvaux, e pasará ás interesantes óperas prima Sem raiz, de Renan Rovida (ás 19:30 h), e Dressage, de Pooya Badkoobeh (ás 21:15 h). Renan Rovida constrúe unha alegación contra a precariedade laboral e a ferocidade do capitalismo nun filme dividido en catro capítulos protagonizados por catro mulleres traballadoras, coa historia dunha quinta muller entreverada entre eles. Pola súa banda, a multipremiada Dressage, descuberta na sección Generation da última edición do Festival de Berlin, somérxenos de cheo no dilema moral ao que se enfronta a nova protagonista, plantexado con gran pulso cinematográfico da novel directora e sostido por un elenco sobresaínte co que constrúe escenas dunha forza impresionante.

Ás 18:00 h desta tarde teremos unha nova cita con Queyi, que acudirá a presentar a súa curta Conversaciones alrededor de un piano que vino de Europa, que se proxectará en sesión continua con La flor de la vida, de Claudia Abend e Adriana Loeff, un emotivo documental sobre a soidade, o amor e o desamor.

Direccións relacionadas



Compartir: