ACCIÓN CULTURAL

O cineasta Isaki Lacuesta recibe o Premio Cineuropa 2018

07/11/2018 Nesta segunda xornada do festival, Cineuropa renderá unha necesaria homenaxe ao cinema indomeable e transfronteirizo de Isaki Lacuesta —máis valioso que nunca nun mundo que levanta por todas partes muros de odio—, outorgándolle o primeiro dos tres premios desta edición. A cerimonia de entrega do premio terá lugar ás 20:15 horas no Teatro Principal. O acceso é gratuíto previa recollida de convite no despacho de billetes da mesma sede.

Á parte das proxeccións no Teatro Principal, a programación deste xoves no marco de Cineuropa ampliarase ao Salón Teatro e aos Multicines Compostela con varios filmes pertencentes ás diferentes seccións do festival. Ás 16:30 h no Salón Teatro e ás 17:45 h no Principal, proxectaranse dous documentais dedicados a dous cineastas inesquecibles: Ata tu arado a una estrella, de Carmen Guarini, constrúe un sólido retrato dese humanista que foi Fernando Birri, un dos pais do Novo Cinema Latinoamericano. Pola súa banda, Bergman: a year in a life, de Jane Magnusson, conmemora o centenario do nacemento do lendario cineasta sueco Ingmar Bergman.

Ás 18:15 h dará comezo Ojos de madera no Salón Teatro, un fermoso e escuro conto cinematográfico para adultos de Germán Tejeira e Roberto Suárez que segue a Víctor, un neno afogado nas súas turbias visións que o achegarán á tolemia. O filme será presentado polo mesmo protagonista, Pedro Cruz, con quen poderemos conversar.

Outras grandes estreas do día son Tigre (Multicines Compostela ás 19:30 h), de Silvina Schnicer e Ulises Porra Guardiola, un filme de atmosfera exuberante e húmida próxima á de La ciénaga, de Lucrecia Martel; A land Imagined, de Yeo Siew Hua (ás 20:00 h no Salón Teatro), Leopardo de Ouro no Festival Internacional de Cine de Locarno; a suxestiva ópera prima da eslovena Sonja Prosenc, Historia de amor (no Salón Teatro ás 21:45 h); e Las hijas del fuego, o último filme da arxentina Albertina Carri —de quen o ano pasado puidemos ver Cuatreros neste mesmo festival—, unha historia realizada por un equipo totalmente composto por mulleres liberrimamente dedicado ao pracer, á diversión e á procura dun grupo de mulleres na procura da súa propia erótica.

Direcciones relacionadas



Compartir: